O Museo Provincial da Deputación de Lugo acolle 27 pinturas e 19 esculturas do alfocense Hipólito Xeada. Será ata o 14 de maio.

A Deputada de Cultura, Deseño e Artesanía, Pilar García Porto, inaugurou a mostra Marexadade Cores do artista lucense Hipólito Xeada que estará exposta ata o 14 de maio na Sala de Exposicións do Museo Provincial de Lugo.

García Porto destacou que “dende o Goberno da Deputación programamos este tipo de mostras durante todo o ano para dar a coñecer e difundir o traballo dos artistas da provincia nas nosas salas expositivas. É un pracer poder contar con esta colección dun referente artístico da mariña, premiado en toda España, e exemplo de superación de barreiras a través da arte.”

Con esta colección, o veciño de Alfoz realiza unha retrospectiva da súa vidae a evolución persoal e artística que fixo durante estes anos a travésdas cores e as formas. A mostra conta con 27 pinturas e 19 esculturas de paisaxes coñecidas, referentes compartidos, motivos naturais, mulleres e homes con sachos e redes, e tamén con escenas mais persoais e íntimas. 

O horario da mostra é de luns a venres de 9:00 a 21:00 horas. Sábados de 10:30 a 14:00 e de 16:30 a 20:00 horas. Domingos e festivos de 11:00 a 14:00 horas. A entrada é totalmente gratuíta. 

Hipólito Xeada
Hipólito Xeada naceu na parroquia de Adelán do Concello de Alfoz en 1955. Iniciou os seus estudios de talla de madeira, modelado, debuxo e pintura en 1965 no Colexio de Xordomudos de Santiago de Compostela, da man dos mestres Acuña e Bonome. En 1975, ingresou na Escola de Artes Aplicadas e Oficios de Lugo.

Hipólito Xeada fai arte de calquera cousa, o talento únese ao oficio e a técnica adquirida durante anos de estudo á xa dilatada experiencia dun recrear e innovar constante. A súa arte pode cobrar corpo en lenzos diminutos, en grandes composicións ou en figuras de táboa labrada.