O Praias de Barreiros feminino preséntase diante da súa afección o 14 de setembro. Será no Torneo co ADC Burela Pescados Rubén, Lieders Futsal e Concello de Begonte.

O clube barreirense exercerá de anfitrión o próximo 14 de setembro no I Torneo Praias de Barreiros de fútbol sala feminino, un evento que servirá tamén de presentación oficial do conxunto de Modesto Veiga ante a súa afección.

Ademais do conxunto local, entrarán en liza o Concello de Begonte, Lieders Futsal e o ADC Burela Pescados Rubén todos eles conxuntos que competirán a próxima tempada na 1ªGalicia Senior Feminina de Lugo. 

Unha tarde de fútbol sala que comezará coa presentación do equipo sénior feminino ás 15:30 e que rematará trala disputa da final fixada para as 20 horas.

Na presentación do Torneo, ademais da directiva e xogadoras do Praias de Barreiros, estiveron presentes Ana Ermida (Alcaldesa de Barreiros), Daniel García e Dámaso Ratoeira (membros da corporación municipal) así como Daniel Moirón do Servizo Provincial de deportes da Xunta de Galicia.