O SEVA organiza o I Festival de Curtas Alfoz-Valadouro ao que se poderán presentar traballos rodados entre os anos 2015 e 2018. O prazo remata o 8 de febreiro.

O Seminario de Estudos do Valadouro organiza o I Festival de Curtas Alfoz-Valadouro ao que se poderán presentar traballos rodados nos anos 2018, 2017, 2016 e 2015.

Poderá presentar curtas calquera persoa que o desexe sen límite de idade nin de procedencia. A temática do vídeo é libre e cunha duración máxima de dez minutos. A organización resérvase o dereito de rexeitar aquelas creación nas que se fomente o racismo, o machismo, a homofobia ou a vulneración de calquera dos dereitos humanos recollidos na Declaración Universal de Dereitos Humanos. Os autores serán os únicos responsables do contido das pezas presentadas e pódese participar ata con tres producións por persoa. A lingua principal do vídeo deberá ser o galego.

Os traballos deberán enviarse ao correo electrónico peinoster@gmail.com e o prazo de presentación remata o 9 de febreiro de 2018.

Un xurado integrado por persoas relacionadas co mundo do cine elixirá entre todos os presentados 8 traballos finalistas que se proxectarán en público o 10 de marzo de 2018, dentro do VI Festi-Val de Cine Alfoz-Valadouro.

O xurado outorgará dous premios: un 1º Premio á Mellor Película, dotado con 300 euros e unha estatuíña representativa do Certame; e un Premio á Mellor Película do Val, presentadas por persoas de Alfoz e O Valadouro, dotado con 150 euros e unha estatuíña. Ademais ese mesmo día, o público asistente votará pola mellor película presentada á que se lle concederá o Premio do Público, dotado tamén con 150 euros e estatuíña.