O X Festival Internacional de Contact Improvisación será en Lourenzá do 20 ao 26 de agosto

Lourenzá converterase entre os días 20 e 26 de agosto nun punto de encontro para persoas interesadas na danza, o movemento e o contact improvisación coa celebración do X Festival Internacional de Contact Improvisación, unha proposta cultural que chega por primeira vez á localidade para achegar ao público unha disciplina baseada na improvisación, o contacto corporal, a escoita e o movemento compartido, anuncia a alcaldesa, Rocío López García.

O festival está organizado por Asturias Contact Festival e Almaiara Project, promovido pola Asociación Oficina Galega de Outros Asuntos do Movemento, de Marina Ural e Uxía Pedreira, e conta coa colaboración do Concello de Lourenzá. A cita reunirá participantes procedentes de diferentes puntos da xeografía española, entre eles Galicia, Valencia, León, Asturias, Valladolid, Madrid, Barcelona ou Euskadi, así como doutros países como Portugal, Francia, Alemaña, Holanda, Lituania ou Brasil. Durante unha semana desenvolverase un amplo programa de talleres, jam, encontros e actividades relacionadas co movemento e a danza improvisada.

A rexedora municipal explica que un dos obxectivos do festival é “abrirse á veciñanza e dar a coñecer esta disciplina ao público xeral, ofrecendo varias actividades de acceso libre ao longo da semana. A primeira oportunidade será o xoves 20 de agosto, ás 18:00 horas, no Multiusos de Lourenzá, cunha charla performativa e interactiva na que se explicará en que consiste o contact improvisación e como se desenvolve o festival. A actividade estará aberta a todas as persoas que queiran achegarse, coñecer a proposta e descubrir de primeira man esta forma de expresión a través do corpo e do movemento. A continuación terá lugar un jam, no que tamén será posible participar. Esta primeira xornada pretende ser unha porta de entrada ao festival: unha oportunidade para coñecer a actividade, experimentar e, para aquelas persoas que o desexen, informarse sobre a posibilidade de inscribirse e participar no resto do programa durante os días seguintes. Ademais están previstas outras actividades abertas ao público en diferentes espazos de Lourenzá, entre elas unha xornada no claustro o domingo 23 de agosto e unha actividade na Praza do Conde Santo o luns 24, ás 16:00 horas, dentro da programación do festival”.

Desde a organización e o Concello de Lourenzá faise un chamamento á veciñanza para que se achegue a estas propostas, “tanto para participar nelas como simplemente para coñecer e observar unha manifestación artística pouco habitual na contorna. A celebración deste festival supón unha oportunidade para achegar a Lourenzá novas formas de expresión cultural e de danza, favorecer o encontro entre persoas de procedencias diversas e abrir un espazo de intercambio entre participantes locais e internacionais. É unha oportunidade bonita para coñecer outro tipo de actividades culturais e de danza que nunca tivemos antes no noso pobo”, sinalan desde a organización, que anima a toda a veciñanza a “achegarse, experimentar e descubrir en que consiste o contact improvisación. Todas as persoas están convidadas a achegarse a Lourenzá do 20 ao 26 de agosto e formar parte, dunha maneira ou doutra, desta décima edición do Festival Internacional de Contact Improvisación”.