O XIV Mercado de Nadal terá lugar en Ribadeo do 6 ao 10 de decembro. Ata o 30 de outubro estará aberto o prazo para inscribirse e participar.

Ata o 30 de outubro estará aberto o prazo para anotarse e participar no Mercado de Nadal, que organiza a Concellaría de Turismo, Desenvolvemento Local e Comercio. 
Esta nova edición, a XIV, terá lugar do 6 ao 10 de decembro na rúa San Francisco e na súa contorna. Os horarios de apertura serán de 11 a 14 horas polas mañás e de 17 a 21 horas polas tardes. 

Segundo explica a Concellaría de Desenvolvemento Local “a través da celebración deste evento, o Concello busca favorece en maior medida ao comercio da vila e animar Ribadeo, así como promover un espazo para a venda de produtos feitos a man e manufacturados a pequena escala ademais de produtos gastronómicos artesanais, un espazo especial para o bo facer”.

No evento poderán participar persoas artesáns, creadoras e produtores de alimentos. O Concello establece un prezo de 150 euros pola participación de cada solicitante e caseta. A organización pon ao seu servizo a caseta de 3 x 2 metros, que inclúe iluminación, toma de luz, peche e pode contar con mostradores. 

As persoas interesadas en participar no XIV Mercado de Nadal de Ribadeo poden consultar as bases no enlace http://ribadeo.sedelectronica.gal na sección de taboleiro de anuncios.