A Oficina de Turismo de Ribadeo acolle ata o 20 de febreiro a mostra "A memoria do son" con réplicas de instrumentos medievais do Centrad.

Esta mañá inaugurouse en Ribadeo a mostra “A memoria do son”, con fondos instrumentais e do arquivo documental do Centro de Artesanía e Deseño (Centrad) da Vicepresidencia da Deputación de Lugo. O deputado provincial, Efrén Castro, e os concelleiros de Cultura e Turismo, Pilar Otero e Pablo Vizoso, presentaron  a mostra que pode verse na Oficina de Turismo de Ribadeo ata o 20 de febreiro. 

A exposición, cun formato itinerante pensado para achegar as distintas localidades o patrimonio musical da Colección de Instrumentos e Obxectos Sonoros do Centrad, inclúe unha giga, unha rota, unha cítola, unha viola de perna, unha viola de brazo, unha zanfona e un organistro, construídos a partir de representacións escultóricas destes instrumentos en lugares emblemáticos como o Pórtico da Gloria ou o Pazo de Xelmírez ou dos datos recollidos en documentos literarios e históricos.

Os fondos instrumentais complétanse con melodías, accesibles a través de códigos QR, que ofrecen a oportunidade de escoitar o son de cada un dos instrumentos expostos, valorar as pegadas herdadas e conservadas na música tradicional actual e as posibilidades que ofrecen para a interpretación de novas músicas. 

A mostra tamén inclúe propostas interactivas, como un salterio no que as persoas visitantes poderán interpretar melodías de cantigas de Afonso X e  Martín Códax. De cara ao público máis novo, ofrécense dous pasatempos -un crebacabezas e un encrucillado-  que incorporan os contidos da exposición de forma lúdica. 

A edil de Cultura, Pilar Otero, dixo que a exposición inclúese no programa o Concello cos Coles e convidou aos centros de ensino tanto de Ribadeo como dos concellos achegados a que aproveiten para visitar esta interesante exposición.

O concelleiro de Turismo, Pablo Vizoso, subliñou que "xunto aos instrumentos musicais tamén se poderá ver un pergamiño medieval, que foi utilizado como cuberta dun libro de contas do Hospital de San Sebastián, de Ribadeo. Ese pergamiño forma parte dun códice litúrxico no que se identifican un total de sete antífonas, grazas ao traballo do historiador ribadense Alberto Paraje e que agora a través dun código QR os visitantes á mostra poderán escoitar nas voces da Coral Polifónica de Ribadeo". 

Otero e  Vizoso agradeceron a colaboración desinteresada de Alberto Paraje e da Coral Polifónica ribadense e tiveron tamén palabras de agradecemento para Luciano Pérez e Efrén Castro, así como para todas as persoas que integran a especialidade de gravación de datos do obradoiro de emprego do Concello e dos anteriores obradoiros. 

O deputado Efrén Castro sinalou “a boa acollida que está a ter a mostra desde que iniciamos esta itinerancia coa que pretendemos poñer en valor e achegar o patrimonio musical do Centrad a todas as comarcas” e animou á veciñanza “a desfrutar de todos os recursos que ofrece, especialmente para o público máis novo”

A exposición, que puido verse nos últimos meses en Sarria, Monforte e Cervo, conta cun catálogo, en catro idiomas, editado en papel pero tamen dispoñible para descargar, en formato pdf, na páxina web do Centro de Artesanía e Deseño (http://cultura.deputacionlugo.gal/sites/deputacionlugo.org/files/inline-...)