Oito asociacións descobren ata o 6 de maio o territorio lucense co programa Coñece a túa provincia da man da Deputación de Lugo.

Máis de 170 veciños e veciñas de oito asociacións da provincia benefícianse esta semana do programa da Deputación de Lugo Coñece a túa provincia, destinado a entidades sen ánimo de lucro da provincia. Dende hoxe e ata o venres coñecerán concellos como Xove, Viveiro, Burela, Foz, Barreiros, Ribadeo, Monforte de Lemos, Pedrafita do Cebreiro, Triacastela, Pantón e Carballedo. 

As viaxes desta semana comezaron este martes coa visita da Asociación Recreativa e Cultural de Apoio ás Persoas Afectadas de Cancro Esperanza, de Burela, a Monforte de Lemos, onde visitaron o Pazo de Tor e o centro histórico do municipio. Antes, acompañados do Deputado de Promoción Económica e Social, PabloRivera Capón, coñeceron o traballo realizado na produtora do Servizo de Audiovisuais da Deputación. Tamén na primeira xornada, a Asociación de Veciños San Román de Moreda, de Pantón, coñeceu as instalacións do Mazo de Santa Comba e visitou o patrimonio de Xove e Viveiro.

Mañá, mércores, será a quenda da Asociación de Veciños María Castaña, da Pobra do Brollón, que fará un percorrido polo Pazo de San Marcos e, posteriormente achegarase á Mariña para descubrir o patrimonio de Xove e Viveiro. Tamén viaxarán usuarios e usuarias da Asociación de Pais de Alumnos do Colexio de Riotorto. Neste caso, a visita será á Ribeira Sacra, ao concello de Monforte de Lemos, e ás instalacións da produtora audiovisual da Deputación de Lugo.

O xoves serán dúas entidades da comarca da Terra Chá as que participen nestas viaxes. A Asociación de Veciños Barrio do Campo de Roupar, de Xermade, coñecerá na súa viaxe as instalacións do Centro de Interpretación Terras do Miño antes de poñer rumbo a Pedrafita do Cebreiro e Triacastela. Por outra banda, os beneficiarios da Residencia de Dano Cerebral de Cruz Vermella de Castro de Rei farán unha parada nas instalacións da Granxa Gayoso Castro da Deputación de Lugo e continuarán a súa viaxe cara a Mariña para visitar os concellos de Burela e Foz.

Esta semana, a Asociación Veciñal e Cultural Cabalo Branco de Santiago de Cangas, de Pantón, e a Asociación Vilalba Aberta, serán as últimas entidades en realizar as súas viaxes. Os veciños e veciñas de Pantón coñecerán o funcionamento da Granxa Gayoso Castro e os concellos de Barreiros e Ribadeo, mentres que os vilalbeses visitarán as instalacións da produtora da institución provincial e, posteriormente, viaxarán ata Pantón e Carballedo. 

Dende o comezo da segunda edición do programa Coñece a túa provincia xa gozaron preto de 450 persoas de 21 asociacións das viaxes gratuítas pola xeografía lucense impulsadas pola institución provincial en apoio á actividade do turismo, a hostalaría e o comercio local. Esta iniciativa conta con dúas quendas que permitirán descubrir a provincia a 3.000 usuarios e usuarias dun total de 135 entidades en primavera, entre marzo e xuño, e en outono, de setembro a novembro.  

Coa iniciativa, a Deputación busca seguir favorecendo o coñecemento da provincia entre a veciñanza, apoiar ao sector turístico, hostaleiro e comercial, econsolidar un modelo de turismo de calidade, sostible, con capacidade para atraer visitantes ao longo do ano, ao tempo que pon en valor o patrimonio e que mantén e crea emprego, sobre todo no rural”.

Coñece a túa provincia inclúe, de balde, o transporte para os traslados de ida e volta dende o lugar ou lugares de orixe, póliza de seguros de viaxeiros, menú de xantar, e entradas e visitas a diferentes lugares de interese da provincia de Lugo. Estas visitas serán realizadas por profesionais que contan coa habilitación de guía oficial de turismo de Galicia e polo persoal de atención ao público nos diferentes museos, empresas ou obradoiros sinalados nos itinerarios do programa.