Os Concellos de Foz, Cervo e Viveiro contarán desde o 18 de xullo co servizo de aluguer de auriculares para as súas audioguías ficcionadas, de xeito gratuíto ata finais de setembro.

A partires do vindeiro luns, 18 de xullo, os Concellos de Foz, Cervo e Viveiro contarán co servizo de aluguer de auriculares para as súas audioguías ficcionadas que se unen aos de Alfoz, Lourenzá, Ribadeo e Mondoñedo. Ata finais de setembro será gratuíto coa finalidade de que cada vez mais xente coñeza este produto de turismo cultural, que é pioneiro en España. 

O pasado mes de abril a Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense presentaba no Cenima dúas novas audioguías ficcionadas para Foz e Sargadelos, en Cervo, mais as traducións ao castelán das de Alfoz e Lourenzá, que se uniron ás impulsadas para Mondoñedo, Ribadeo e Viveiro. Trátase dn proxecto polo que este ente leva apostando dende o ano 2018 coa colaboración da Deputación Provincial de Lugo e Turismo de Galicia da Xunta. 

Dentro do Plan de Sostibilidade Turística na Mariña Lucense 2022 – 2024, co financiado pola Mancomunidade, a Xunta de Galicia e a Secretaría de Estado de Turismo, e que conta cunha liña específica para a consolidación deste produto, o ente xestor do xeodestino adquiriu unha serie de auriculares e material reprodutor para a posta en marcha do servizo de aluguer nos concellos con audioguía que faltaban: Foz, Cervo e Viveiro. Así mesmo, estase traballando na tradución ao castelán, inglés e francés para dispoñer destas versións en cada caso, co obxectivo de ampliar o público que poida ter acceso a este produto ao longo do ano, que busca poñer en valor a historia local.

O presidente da Mancomunidade, Fran Cajoto, lembrou que “dende a Mancomunidade vense traballando na dinamización e promoción da Mariña Lucense como un destino turístico rico e diverso, onde produtos asociados a un visitante curioso, respectuoso e sensible co territorio como é o turismo slow e sostible, aplicado ao turismo cultural, de natureza, gastronómico, entre outros, funcionen como produtos tractores da demanda turística ao territorio. Neste contexto, o obxectivo de traballar na consolidación das audioguías ficcionadas, é o de achegar valor aos visitantes e tamén á propia veciñanza a través de experiencias diferenciadoras, favorecendo a súa permanencia e a desestacionalización, fortalecendo o posicionamento da Mariña Lucense como destino slow, sostible e de calidade”. 

E engadiu que “estas audioguías son unha iniciativa de turismo cultural pioneira en España, deseñadas e elaboradas polo Grupo Chévere, Premio Nacional de Teatro no ano 2014, resultado dun coidado proceso de documentación por parte deste equipo, identifícanse sucesos, personaxes e lugares con nome propio que serven para transmitir a idiosincrasia e esencia de cada un dos municipios. Ademais, no caso de Lourenzá, temos a sorte de poder coñecer un pouco mais sobre Vilanova e Francisco Fernández del Riego, a quen o próximo ano se lle dedicará o Día das Letras Galegas”. 

Así co obxectivo de poñer en valor estas audioguías e dalas a coñecer entre o público local e os numerosos turistas que se achegan durante estes meses á Mariña, os municipios escenarios das mesmas contarán ata finais de setembro co servizo de auriculares illantes que aseguren a mellor das experiencias de xeito gratuíto. Para iso, as persoas interesadas terán que achegarse ata as oficinas de turismo municipais destes concellos, a excepción de Cervo que será no Museo Histórico de Sargadelos, e solicitar este servizo, así mesmo seguirá existindo a posibilidade da descarga ou reprodución gratuíta cos dispositivos de cada quen dende a web amarinalucense.gal. A partir de outubro este servizo pasará a ter un prezo simbólico de 2 euros para persoas adultas e nen@s gratis ata 12 anos. 

A xerente do Plan de Sostibilidade Turística na Mariña Lucense, Tania Hermida, indicou que “as audioguías son un recurso complementario das visitas con guía a realizar en calquera época do ano, permiten as visitas individualizadas, en parella ou en pequenos grupos, sen cita previa e incluso nos días en que as oficinas de turismo están cerradas por descanso, vacacións, etc. Ademais, cada audioguía ten un enfoque diferente que busca provocar a curiosidade e promover que se fagan os diversos paseos e, polo tanto, que as persoas permanezan mais tempo na comarca cun maior coñecemento da mesma”.

E lembrou que “tamén se trata dunha ferramenta fantástica para conservar rexistro e divulgar algúns acontecementos históricos e voces deste territorio así coma para a comunidade educativa da Mariña e de fóra dela, nas que apoiarse para saídas e actividades cos alumnos e alumnas”.

Fran Cajoto tamén quixo subliñar que “coa finalidade de introducir posibles modificacións ou novidades que se deron no xeodestino nos últimos meses vimos de actualizar a guía A Mariña Lucense ao descuberto en galego e castelán na súa versión dixital, que está dispoñible na web amarinalucense.gal, para presentar aos profesionais que atenden as oficinas de turismo, ao sector privado e a todo o mundo que nos visita un documento revisado e actualizado á data actual. Trátase dunha actuación que desenvolvemos coa colaboración da Deputación de Lugo e Turismo de Galicia da Xunta”.