Os de Cunqueiro visitarán aos de Del Riego o 14 de maio. Será cunha andaina a través do Camiño de Santiago.

Desde a AC O Pasatempo sinalan: “sumámonos este domingo, 14 maio, á celebración do Día das Letras Galegas no noso veciño concello de Lourenzá, cunha actividade que recorda ó homenaxeado Francisco Fernández Del Riego e a súa amizade co escritor mindoniense Álvaro Cunqueiro”.

A actividade comeza ás 10 horas diante da Casa Museo Álvaro Cunqueiro, na Praza da Catedral, cunha andaina popular ata a Casa de Fernández Del Riego en Vilanova de Lourenzá, percorrendo os arredor de 9 quilómetros de distancia que hai polo Camiño de Santiago.

Desde O Pasatempo indican: “coa chegada prevista ás 12:30 horas, leremos unha das cartas que se recollen no libro Cartas ao meu amigo e que o escritor mindoniense enviaba desde a súa casa da Praza da Catedral ó seu gran amigo laurentino,quén xa se atopaba en Vigo. Posteriormente á lectura, visitaremos a exposición 110 anos de Del Riego na Sala de Exposicións do concello, pasearemos polas rúas da vila escoitando a audioguía Vilanova de Lourenzá vista por don Paco e remataremos visitando a Igrexa de San Salvador coa guía local, que nos falará dunha das xoias do barroco galego baseándose en textos de Francisco Fernández Del Riego”.

E engaden: “a volta para Mondoñedo, quén asi o desexe, se fará en bus tras a finalización dos actos”.