Os días 15 e 16 de outubro celébranse en Barreiros as carreiras Monte Comado nas que se darán cita máis de 250 persoas.

Integrantes do colectivo organizador, ACD Praias de Comado, xunto con Daniel García, concelleiro responsable da área de Dinamización e Participación Veciñal, e Manuel Otero, xefe do Servizo Provincial de Deportes da Xunta de Galicia, presentaron as carreiras e andaina Monte Comado 2022 que terán lugar este sábado 15 e domingo 16 de outubro no municipio barreirense.

A cita deportiva comezará o sábado 15 coa saída da andaina ás 15:15 h. desde a praia de Arealonga (Santiago de Reinante).

Ás 16:30 h. darase a saída da carreira “½ km vertical” dende o mesmo lugar, a praia de Arealonga, e na que os participantes ascenderán ao cumio do monte Comado en apenas 4 km superando desniveis que roldan o 40% nos puntos máis abruptos do percorrido.

Na mesma tarde do sábado, ás 17:30 h. terán lugar as carreiras infantís no alto de Comado onde haberá marcados distintos circuítos en función da idade das nenas e nenos participantes.

O domingo 16, ás 9:30 horas, terá lugar o prato forte do trailmonte Comado, a carreira de 27 km. A saída terá lugar na Praza do Souto en San Miguel de Reinante e, desde aí, os e as atletas percorreran os montes do municipio barreirense ata completar un total de 27 km superando un desnivel de 1400 metros positivos. A saída do trail curto; o de 12k, terá lugar ás 11:00 horasdesde a mesma Praza do Souto. 

Ao peche das inscricións, a agrupación organizadora mostrábase moi satisfeita polo bo número de participantes que superaba as 250 persoas inscritas.

O evento está organizado pola Asociación Cultural e Deportiva Praias de Comado, o Concello de Barreiros eSecretaría Xeral para o deporte da Xunta de Galicia e conta coa colaboración da Deputación de Lugo desde a Área de deportes; a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Barreiros; do Café Bar Moderno, Hotel Ría do Masma,PeñaBarcelonista San Miguel, Casa Elena Turismo Rural, Taxi Valea e Pinturas Centeno.