Os días 23 e 24 de setembro terá lugar en Ribadeo a primeira edición de Baños de Mar, unha iniciativa organizada polo Concello.

Os días 23 e 24 de setembro terá lugar a primeira edición de Baños de Mar, que organiza o Concello de Ribadeo. Haberá charla, visita guiada, xantar campestre e moitas outras actividades, que foron presentadas pola edil de Turismo, Marta Saiz. 

A concelleira ribadense dixo que “dentro das actividades de SetembroXNatural presentamos a vindeira fin de semana a primeira edición de Baños de Mar Canouras pioneiras do turismo. O mar como fonte de saúde e de vida, como xerador recursos, como fío da nosa historia e como orixe da nosa riqueza”. 

Saiz contou que “as actividades desenvolveranse durante toda a fin de semana. O sábado, 23 de setembro, ás 11:30 horas na Casa da Cultura terá lugar unha conferencia a cargo de Rafa Quintía, que falará sobre hidroterapia, talasoterapia e o culto asociado ás augas na cultura galega. A partir da unha tarde teremos un baño relaxante e colectivo na praia do Cargadoiro, que nos deixará frescas e frescos a todas e a todos”.  

A edil de Turismo seguiu a relatar que “xa o domingo, 24 de setembro, ás 11:30 horas no Campo de San Francisco arrincará unha visita guiada Canouras, pioneiras do turismo, a cargo de Noemí Díaz Orol, informadora turística de Ribadeo. Para participar é preciso facer unha reserva previa. Á unha novo baño de mar colectivo na praia do Cargadoiro. E a partir das dúas da tarde un xantar campestre. Despois ás tres empezarán actividades como baile, música e monicreques, contaremos tamén cun espectáculo de narración oral e outro de circo e tamén un concerto”. 

Marta Saiz engadiu que “son un sinfín de actividades para un público familiar e non hai disculpas para non asistir. Animádevos a participar, só e necesario o interese polo noso pasado, o bañador, a toalla, un manteliño, un xantar campestre e moitas ganas de relaxarse e de pasalo ben. Disfrutemos de setembro, do noso mar, da nosa terra e das actividades que con moito respecto, coidado e agarimo temos preparadas para o voso disfrute”.