Os días 3 e 4 de agosto celébranse en Ribadeo o Día da Gaita e a Xira de Santa Cruz, cita de interese turístico galego.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, acompañado de membros do colectivo organizador –a asociación Amigos da Gaita- e distintas autoridades locais, entre elas o alcalde, Fernando Suárez, participou esta tarde na presentación do Día da Gaita e Romaría de Santa Cruz, unha cita declarada de interese turístico galego que se celebrará esta fin de semana en Ribadeo.

Este evento folclórico e gastronómico que se coñece popularmente como “A Xira” vénse celebrando desde 1965 no monte de Santa Cruz, lugar que acolle a romaría e incomparable atalaia desde a que se divisa toda a bisbarra, e na que pode verse un monumento ao Gaiteiro aínda único na nosa Comunidade Autónoma.

A festa dará inicio formal o sábado 3 de agosto, ás 19,30 horas con distintos pasarrúas que servirán de preludio do pregón que, a partir das 20,00 horas, correrá a cargo de Ana María Martínez Fernández. De seguido será a quenda da actuación das escolas da asociación que ofrecen unha completa mostra folclórica.

Xa o domingo 4 de agosto, desde primeiras horas da mañá, grupos tradicionais enchen a vila co son das gaitas e ao mediodía celébrase unha nova mostra folclórica no Cantón dos Moreno cos grupos Xirifeiros de Carril e Atrevidos da Barcala para, de seguido iniciar a subida ao monte para a celebración da Romaría. Alí as gaitas non paran de soar mentres milleiros de romeiros comparten empanadas, tortillas e outros manxares. 

A media tarde, entorno ás 19,00 horas, terá lugar a ofrenda floral ante o monumento ao Gaiteiro, que dá paso aos concertos dos expertos en foliada Xabier Díaz e as Adufeiras de Salistre e Pelepau, que adapta temas de tradición galega a distintos instrumentos de percusión.

“Esta é unha festa na que participan milleiros de persoas de moi diversa procedencia en forte irmandade e na que se homenaxean todos os símbolos e a esencia da identidade e da cultura galega”-explicou Balseiro