Os escritores Edurne Portela e Xosé Monteagudo participarán nun encontro literario na Libraría Bahía, de Foz, o 21 de setembro.

O xoves, 21 de setembro, ás 20:30 horas na Libraría Bahía, de Foz, terá lugar un encontro coa escritora vasca  Edurne Portela e o autor galego Xosé Monteagudo.
Este encontro enmárcase no programa Afinidades Electivas, promovido e financiado polo Ministerio de Cultura.

Edurne Portela doctorouse nos EUA oonde exerceu tamén como docente e investigadora. Vive en España dende o ano 2016 onde publica e colabora en prensa e radio. A súa obra, de grande calidade literaria e ao mesmo tempo capaz de chegar ao gran público, constitúe unha indagación nas distintas formas de violencia, os relatos que construímos sobre a mesma e as feridas que deixan no plano individual e social. Publicou o ensaio El eco de los disparos sobre ETA e a violencia no País Vasco, que vai pola terceira edición e as novelas Mejor la ausencia, Los ojos cerrados e Formas de estar lejos , que recibiron varios premios literarios. A  última que saíu á luz este mesmo ano é Maddie y las fronteras.

Xosé Monteagudo comezou a publicar no ano 2002 no que gañou o premio García Barros coa novela As voces da noticia. Dende entón a súa escrita percorreu distintas temáticas, desde a que está máis preto do xénero negro como Un tipo listo, ata a que rescata a memoria persoal Esta historia ou a historia colectiva que aparece en Todo canto fomos e na súa última novela  Vémonos mañá.  Ademais imparte obradoiros de escrita e exerce a crítica literaria na revista Grial.

Desde Libraría Bahía indican que “se trata por tanto dun encontro entre dúas persoas de  máximo nivel no mundo da literatura que nos enorgullece poder organizar e que esperamos teña moi boa acollida de público”.