A Pancha, a moeda de Ribadeo, entrará en circulación o 15 de outubro. Máis de 100 negocios locais participan na campaña

A Pancha, a moeda de Ribadeo, entrará en circulación o vindeiro domingo, 15 de outubro. Máis de 100 negocios locais participan na quinta edición desta campaña, segundo os datos ofrecidos hoxe polo alcalde, Dani Vega. 

O rexedor dixo que “dende este domingo, 15 de outubro, e ata o 31 de decembro un total de 200.000 Panchas estarán dispoñibles para que todos os consumidores merquen e consuman en máis de 100 establecementos de comercio e de hostalería do noso Ribadeo”.

Vega lembrou que “coma en edicións anteriores, a compra e uso da moeda é mediante o Panchapeto, o moedeiro dixital habilitado para a campaña. O moedeiro adquírese a través da web www.pancharibadeo.gal, onde tamén poden atopar toda a información referente a esta campaña”. 

O alcalde ribadense sinalou que “as características da campaña mantéñense, polo que por cada 30 euros obteranse 40 Panchas para consumir nos establecementos adheridos e cada persoa poderá adquirir un máximo de 400 Panchas. Mantense tamén o límite de 130 Panchas para gastar en cada compra nos establecementos, a partir desa cantidade deberá aboarse en euros a diferenza”.

Dani Vega subliñou que “este ano o Concello inviste 80.000 euros na campaña da Pancha reforzado así a estrutura económica e social de Ribadeo. Estamos analizando o que pode ter de retorno como impacto económico e estamos facendo unha valoración aproximada que pode superar o medio millón de euros. É unha cantidade importante e unha boa maneira de apoiar e reforzar o comercio local”. 

O rexedor tivo palabras de agradecemento para Acisa e para a Xunta: “quérolle agradecer a Acisa a súa colaboración, o seu traballo conxunto e desde logo imos seguir nesa liña. Tamén agradecerlle á Xunta de Galicia, que colabora economicamente coa Pancha, axúdanos con esta inversión que faremos de 80.000 euros, o que para o Concello tamén lle da un osíxeno orzamentario. Toda esta colaboración, todo este traballo ten un reforzo á estrutura económica local, ten un reforzo a cada local e un apoio individual a cada persoa, porque cada compra que faga nos vindeiros días terá un apoio da institución: do Concello e da Xunta”. 

Vega engadiu que “a Pancha dálle un novo impulso aos negocios de Ribadeo, invístese máis ca nunca para reforzar a economía local e nesa liña é na que imos seguir: na colaboración, no apoio á estrutura económica, no apoio ao pequeno comercio e sen lugar a dúbidas entre todos faremos máis grande o Ribadeo que queremos todos”.