Pepe Peinó recibe o 11 de decembro no Concello do Valadouro o premio como gañador do V Concurso Balbino de Relatos.

O salón de actos do Concello do Valadouro (Lugo), acollerá o este venres, 11 de decembro, ás 20.00 h, a entrega do premio e presentación do libro “Bica de Montouto” gañador do V Concurso “Balbino” de Relatos, da autoría de José Vázquez Peinó, coñecido como Pepe Peinó.

O acto, que estará aberto ao público ata completar aforo, contará coa presenza do profesor, escritor e membro do xurado do Concurso "Balbino" de Relatos, Xosé Manuel Lobato; o presidente da Fundación Xosé Neira Vilas, Fernando Redondo; o prologuista do libro, Bernardo Penabade; o ilustrador da portada, Antón Caxoto e o gañador do Concurso "Balbino" de Relatos, Pepe Peinó.

Para aquelas persoas que non poidan acudir á presentación, o autor estará desde as 18,00h asinando libros no propio salón de actos.

Durante o acto tamén contaremos con acompañamento musical dun cuarteto clásico, que estará formado por catro membros das Escolas de Música e orquestras de Burela e Xove.

Está integrado por:
Violín Primeiro: Gabriela Pedre Lastra, alumna de violín e membro das Escolas de Música e Orquestras de Burela e Xove.
Violín Segundo: Eva Lastra Barreira, mestra especialista en Educación Musical e violín na orquestra de Xove.
Viola: Xacobe Pedre Otero, Profesor titular de violín e viola nas Escolas de Música de Burela e Xove.
Violonchelo: Bruno Pedre Otero, mestre especialista en Educación Musical, director de agrupación corais coma o Coro Universitario da USC no Campus de Lugo, do Coral Polifónica de Barreiros e do Coro de Cangas de Foz.
Interpretarán:
* Negra sombra. Letra: Rosalía de Castro e Música: Xoan Montes Capón. 
* Non te namores meniña (Cantiga da Cañiza). 
Música: Popular Galega.

Polas circunstancias xa coñecidas por todos, este acto vai estar condicionado polas medidas necesarias e imprescindibles para que se fagan respectar as distancias de seguridade, así como a utilización de máscara, etc. para tratar de protexer a saúde de todas as persoas asistentes. 
Prégase que o público se achegue 30 minutos antes do comezo do acto no que colabora o Concello do Valadouro. A Entrada é libre ata completar o aforo.
Concurso “Balbino” de Relatos
Este concurso, de periodicidade anual, está aberto á participación de escritores e amantes da escritura, de calquera idade ou nacionalidade, co único requisito de que o idioma no que estea escrito o orixinal deberá ser en lingua galega e que terá como motivación temática o rural, o mar e a emigración. 
O autor premiado recibe un premio dobre; por unha banda, un cheque por valor de 1.500 euros e, por outra, a publicación da obra por Edicións Fervenza.
Na anterior edición, en 2019, resultou gañadora a obra “B.S.O. Banda Sonora Orixinal”, de Pablo Nogueira. En 2018 a gañadora foi “Máis alá do río do esquecemento”, de Ricardo Ferreiro Almeda; e en 2017, “De que falarán as árbores”, de Ricardo Cid Paz; mentres que na primeira edición, en 2016, o premio recaeu en “Camiños na sombra” de Xián Lois Alcayde Dans.

O xurado destacou da obra
O xurado deste V Concurso "Balbino" de Relatos estivo formado pola poeta, Rosalía Morlán; polo profesor e escritor, Carlos Loureiro; polo profesor e escritor, Xosé Manuel Lobato e polo profesor, escritor, investigador e crítico literario, Armando Requeixo e todos coincidiron en destacar da obra:
"Esta novela, Bica de Montouto, destaca pola forza telúrica dunha historia sobre o despoboamento rural e a desaparición dun mundo que esfarela e no que se moven uns personaxes cheos de matices que loitan pola supervivencia dos seus eidos e da memoria da vida que neles se garda.
Ante a inminente desaparición da súa aldea, catro anciáns deciden unir forzas e crear unha pequena industria artesanal que do tempo que os une consiga afincar a esperanza da supervivencia da aldea.
Fondamente lírica, e con grande sensorialidade, esta novela é o canto melancólico dun mundo que se vai pero que non se resiste a desaparecer sen nos ofrecer o máis fermoso canto de cisne antes de esvaecer".

Colaboracións
Neste Premio e na publición do libro colaboran a Consellería de Cultura e Turismo, a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, o departamento de Cultura e Lingua da Deputación de Pontevedra, e os concellos de Boqueixón, Silleda e Vila de Cruces, así como a Fundación Xosé Neira Vilas.