As persoas refuxiadas protagonizan un espectáculo teatral o día 18 e a exposición "No colo da esperanza", que se pode ver en Burela ata finais de decembro.

Burela acolle unha exposición fotográfica titulada No colo da esperanza, do fotoxornalista Felipe Carnotto que se pode visitar  ata finais de decembro en horario de luns a venres de 10:00 a 13:00 e de 17:00 a 20:00 horas na Casa da Cultura. 

Segundo explican desde a Concellería de Inmigración e Cooperación “a mostra foi realizada polo fotoxornalista Felipe Carnotto en 2015 na denominada Ruta dos Balcáns. As fotografías están protagonizadas principalmente por rapazas e rapaces que foxen da guerra en Siria canda as súas familias, na busca dun futuro próspero en Europa”. 

O vindeiro 18 de decembro o propio reporteiro guiará ás e aos estudantes a través da exposición. Na mesma xornada a partir das 11.30 horas desenvolverase o espectáculo teatral O valo, creado o ano pasado por Pallasos en Rebeldía para o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade co fin de impulsar a reflexión sobre as fronteiras e a situación das persoas refuxiadas.  “O valo está escrito en homenaxe a todas as persoas refuxiadas, para que as teñamos presentes e as súas vidas constitúan o xerme da loita contra todos os valados, muros e fronteiras que separan os seres humanos”, engaden desde a Concellería de Inmigración e Cooperación. 

E subliñan que “estas actividades teñen como obxectivo concienciar sobre a difícil situación das persoas refuxiadas e encádranse no plan de sensibilización promovido polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, entidade da que é socio o Concello de Burela”.