A Pomba do Arco organiza un roteiro polo patrimonio esquecido de Foz o 30 de setembro. Será guiado por Mariña Patrimonio.

A asociación cultural A Pomba do Arco organiza o 30 de setembro a partir das 16:30 horas, unha visita ao patrimonio esquecido de Foz que estará guiada polo presidente de Mariña Patrimonio, e estudoso da riqueza patrimonial da comarca, Manuel Miranda.

O roteiro incluirá a visita ao castro de Fazouro e ao seu porto onde se atopan restos arqueolóxicos. Tamén se percorrerá a Fortaleza da Frouxeira na que se reparará naqueles aspectos descoñecidos, e a antiga mina de estaño da Furada da Serpe en Santa Cilla. Finalmente visitarase o Cano dos Mouros, outro posible xacemento mineiro sito en Santa Cilla.

As persoas interesadas en participar nesta actividade deberán inscribirse previamente no correo electrónico da propia asociación, apombadoarco@gmail.com, ou ben chamando ao teléfono 608 555 010. O número de prazas para a visita que se realizará en horario de tarde é limitado polo que se prega que os interesad@s se anoten antes do 28 de setembro.

Ese mesmo día, o xoves 28, ás 20:30 Manuel Miranda Ruiz, presidente da asociación Mariña Patrimonio, impartirá unha conferencia sobre o patrimonio focego, con especial referencia a aqueles lugares de valor histórico e paisaxístico existentes no concello, actualmente descoñecidos. Será no Cenima.