Por Barreiros e polo Valadouro discorrerán os vindeiros roteiros de "A Mariña en Ruta" os días 19 e 22 de agosto. A iniciativa está organizada pola Mancomunidade.

Por Barreiros e polo Valadouro discorrerán os vindeiros roteiros de A Mariña en Ruta os días 19 e 22 de agosto. 

Ecosistemas da Praia de Arealonga (Barreiros) é un roteiro interpretativo dos ecosistemas dunha praia no que se analizará a orixe xeolóxica do areal e a existencia de turbeiras e solos fósiles. Será o vindeiro mércores, 19 de agosto. Comprobarase o funcionamento das mareas no mar Cantábrico e poderase observar a fauna e a flora do ecosistema dunar. Na zona intermareal estudaranse as adaptacións de diferentes especies ante as duras condicións ás que se ven sometidas durante os ciclos de mareas, identificando os principais grupos de algas e animais.

Esta ruta será guiada por Óscar Chao, que é Licenciado en Bioloxía pola Universidade de Santiago de Compostela. Posúe un Máster en Xestión de Sistemas Costeiros e Mariños pola Universidade Autónoma de Barcelona. É Profesor de Bioloxía e Xeoloxía de Educación Secundaria e Bacharelato. Dende o ano 2017 é Coordinador do Proxecto Rebinxe e presidente da Asociación Rebinxe: pola recuperación da biodiversidade, organización sen ánimo de lucro centrada no estudo e conservación da fauna e flora locais. Polo seu traballo ou ben desinteresadamente, participa e organiza charlas e exerce como guía en roteiros de observación de fauna e interpretación de ecosistemas dende 2012.

Municipio: Barreiros.
Data: 19 de agosto do 2020.
Hora de inicio: 10:00 horas
Duración: 2 horas
Lugar de inicio: Marxe oeste da Praia de Arealonga, Barreiros. Coordenadas: 43.557629, -7.178485.
Dificultade: Baixa.
Observacións: Dado que se analizará un intermareal, recoméndase bañador ou pantalón curto e un calzado axeitado como escarpíns, sandalias axustadas ao pé ou calquera outro que proporcione suxeición e que se poida introducir na auga. Recomendable levar crema solar. Debido á situación sanitaria derivada do Covid-19 ofrecerase material de consulta e información da ruta para descargar a través de código QR, polo que se o desexan deberán ter instalada nos dispositivos unha app de lectura de códigos.
Prazas dispoñibles: 15

O seguinte roteiro terá lugar o 22 de agosto e será o do Pozo da Onza, no Valadouro. Sae dende a praza de Ferreira onde os asistentes coñecerán a historia desta vila. Na ruta cara o Pozo da Onza farán un tramo a carón do río, onde descubrirán as características das árbores típicas de ribeira. Logo de abandonar o cauce do río adentraranse nuns montes compostos de especies arbóreas de uso forestal. Seguirán o cauce doutro río, O Rego dos Infernos, que os levará ao Pozo da Onza e á cascada que recibe o mesmo nome. O tramo de regreso farase polo mesmo camiño, desviándose del por un monte mixto de especies autóctonas e introducidas, así como fauna ornitolóxica asociada a estes ecosistemas.

Esta ruta será guiada por Guido Álvarez e Pedro Rolle. 

Guido Álvarez é Guía Oficial de Turismo de Galicia acreditado en 5 idiomas (inglés, francés, italiano, castelán e galego). Diplomado en Turismo (UDC), e con Máster Interuniversitario Oficial en Xestión e Planificación do Turismo (USC) e Máster Europeo en Paisaxes Culturais (Universidades Jean  Monnet, Federico II e  Stuttgart). Posúe 16 anos de experiencias laborais e académicas no mundo do Turismo,  incluídos 4 anos no estranxeiro (Inglaterra, Francia, Italia e Alemaña).

E Pedro  Rolle é Guía de Natureza. Así como técnico en traballos forestais e técnico en conservación do medio natural. Formador ocupacional, capataz agrícola e forestal. Profesional apaixonado e traballador que coñece especialmente ata o último recuncho Alfoz e O Valadouro. Moi coñecido en toda A Mariña polo seu proxecto persoal O Freixo Dos Lobos, Ecoturismo e Natureza”, que ten como obxectivo concienciar á poboación da importancia de conservar e respecta-lo medio ambiente. Poñendo en valor os recursos naturais mediante o coñecemento da súa contorna. Ten catro anos de experiencia como organizador e guía-intérprete en roteiros, talleres de natureza e charlas sobre medio ambiente, nos espazos naturais protexidos de A Mariña Lucense.

Municipio: O Valadouro.
Data: 22 de agosto del 2020.
Hora de inicio: 10:00 hs.
Duración: 2 horas e media.
Lugar de inicio: Praza de Ferreira (O Valadouro).
Dificultade: Baixa.
Observacións: Uso de roupa e calzado cómodo (non fai falta impermeable, xa que non se andará por zonas encharcadas). Gorra e crema solar (zona de montaña aberta). Auga. Prismáticos e en caso de ter algún libro de fauna (aves, insectos) e/ou flora.
Prazas dispoñibles: 25.

O obxectivo principal de A Mariña en Ruta ademais de axudar na reactivación da actividade turística, é completar e diversificar a oferta do xeodestino en base ao patrimonio cultural e a natureza, sendo as actividades neste espazos as que motivan principalmente a visita á Mariña Lucense, e mais se cabe nesta época de crise provocada polo Covid 19. E tamén, que os participantes descubran os aspectos menos coñecidos da comarca da man de guías e axentes locais sempre en base aos recursos propios e que poñan en valor a realidade do destino, en consonancia coa filosofía do turismo slow na que se traballa dende hai anos na Mancomunidade, coa realización de roteiros e actividades nos diferentes municipios.

Os prezos dos roteiros son: 5 euros individual / 8 euros parella / 12 euros familiar ou grupo ata 5 membros.

A Mariña en Ruta é unha iniciativa da Mancomunidade que se realiza coa colaboración da Axencia de Turismo de Galicia e, para a súa promoción, da Deputación de Lugo.
Para máis información: https://enruta.amarinalucense.gal/