A praia das Catedrais, en Ribadeo, tamén está confinada. Hoxe, Venres Santo, sería un dos días de maior afluencia de visitantes xunto co 15 de agosto.

A praia das Catedrais, en Ribadeo, tamén está confinada. Hoxe, Venres Santo, sería un dos días de maior afluencia de visitantes xunto co 15 de agosto, e a imaxe que esta tarde presentaba o areal era desoladora. As ondas batendo contra as rochas son as auténticas protagonistas esta Semana Santa xunto ás gaivotas e ás vacas, que alleas ao que acontece, seguen co seu pasto tranquilo a carón do mar, entre As Catedrais e Esteiro.

Hoxe todo estaba baleiro en Augas Santas: os aparcadoiros, os baños, o paseo, os sendeiros, as escaleiras de baixada ao areal. Ata o ceo se tornou de cor gris. Parecera que As Catedrais estivesen tristes por tanta soidade.

Milleiros de persoas aproveitaban anos atrás para visitar As Catedrais durante estas vacacións. Tamén é certo que o areal e os seus arredores se rexenerarán de xeito especial durante este estado de alarma. Mentres a nai natureza o agradecerá a economía local reséntese moito este tempo de confinamento que estamos a vivir.

No percorrido realizado pola estrada nacional para visitar hoxe As Catedrais o tráfico foi nulo: un camión e unha furgoneta á ida e dous turismos á volta.