Presentada a XIV Ruta das Tapas que se celebrará en Foz do 13 ao 15 de abril, organizada polo CCA.

Unha ducia de locais hostaleiros participarán na XIV Ruta das Tapas, que se celebrará en Foz do 13 ao 15 de abril. Este evento gastronómico, no que a protagonista é a cociña en miniatura, está organizado polo Centro Comercial Aberto. Nas últimas horas foi presentado por Olaya Pedrosa, secretaria de Acia/CCA, e por Rubén Rodríguez, vocal do colectivo. 

As propostas culinarias serviranse en horario de 13 a 15 horas e de 20 a 23 horas. As tapas custarán 1,5 euros. 

Os establecementos que participan son: Bar 78, Cafetería Happy Days, Cafetería Mayros, Cafetería Pastelería Anduriña, Cafetería Restaurante Xoyma, Casa Maño, Fraggle Rock Café, O Lar de Bustos, O Muelle Bar, Restaurante Dandy, Tangarte Mariñeiro e Tangarte Mesón. 

O público poderá votar a través do facebook do Centro Comercial Aberto de Foz á tapa coa mellor presentación. 

O presidente de Acia/CCA, José Carlos Paleo, sinalou hai uns días que “chegamos á Semana Santa cunha cita gastronómica, que xa está consolidada en Foz e na comarca, que é a Ruta das Tapas. Ofrecémoslle unha alternativa de ocio tanto aos que nos visitan nesas datas coma aos nosos veciños e veciñas. A nosa hostalería tentará, unha vez máis, dar o mellor de si nesta cita co tapeo e agarda sorprender coas súas propostas”.