Preto de 160 persoas viaxarán ata o 29 de abril co programa Coñece a túa provincia da Deputación de Lugo.

Unhas 160 persoas participarán ao longo desta semana nas viaxes gratuítas do programa Coñece a túa provincia da Deputación de Lugo. As sete entidades participantes visitarán esta semana A Mariña, a Ribeira Sacra e a zona de Montaña, percorrendo concellos como Pedrafita do Cebreiro, Viveiro, Sober, Monforte, O Saviñao ou Burela. 

Este martes a Asociación de Veciños Irmáns Vilar Ponte de Bravos, de Ourol, visitou o Mazo de Santa Comba, de titularidade provincial, para despois percorrer os concellos de Pedrafita do Cebreiro e Triacastela. Durante a visita coñeceron a aldea do Cebreiro, cunha visita ás pallozas, percorreron dous quilómetros do Camiño Francés e achegáronse ata o municipio de Triacastela para visitar os seus recursos turísticos culturais e naturais.  

Mañá mércores, as entidades beneficiarias coincidirán na Mariña. A Asociación Cultural e Xuvenil Castro de Rei de Lemos, de Paradela, realizarán unha ruta polos concellos do Vicedo, Viveiro e Ourol tras coñecer o Mazo de Santa Comba, mentres que a Asociación de Comerciantes e Artesáns de Samos comezarán a visita no Pazo de San Marcos para continuar o percorrido polos concellos de Xove e Viveiro.

A Asociación de Mulleres Rurais de Begonte e a Asociación Veciñal e Cultural Monte do Calvario, de Vilalba, serán as entidades que viaxarán o xoves. Neste caso, a agrupación de Begonte coñecerá o traballo da produtora audiovisual da Deputación de Lugo para posteriormente achegarse a Sober e Monforte. Por outra banda, a entidade vilalbesa visitará o Pazo de San Marcos e viaxará ao concello de Sober.

As últimas entidades en realizar esta semana as viaxes serán o Centro Cultural Penas de Rodas de Outeiro de Rei e a Asociación Mulleres Rurais o Noso Lar, de Láncara. A primeira agrupación visitará O Saviñao tras coñecer as instalacións do Mazo de Santa Comba. A entidade lancaresa coñecerá os concellos de Burela e Foz pero antes visitarán o Pazo de San Marcos. 
Máis de 3.000 persoas de 135 asociacións beneficiaranse das viaxes gratuítas pola xeografía lucense nesta segunda tempada da iniciativa coa que a institución provincial apoia a actividade do turismo, a hostalería e o comercio local. As saídas terán lugar en dúas quendas que permitirán coñecer a provincia en primavera, entre marzo e xuño, e en outono, de setembro a novembro.  

Trátase dunha iniciativa incluída no Plan de Impulso da Economía da Provincia co que a Deputación de Lugo busca seguir favorecendo o coñecemento da provincia entre a veciñanza, e seguir consolidando un modelo de turismo de calidade, sostible, con capacidade para atraer visitantes ao longo do ano, que pon en valor o patrimonio e que mantén e crea emprego, sobre todo no rural.

Coñece a túa provincia inclúe, de balde, o transporte para os traslados de ida e volta dende o lugar ou lugares de orixe, póliza de seguros de viaxeiros, menú de xantar, e entradas e visitas a diferentes lugares de interese da provincia de Lugo. Estas visitas serán realizadas por profesionais que contan coa habilitación de guía oficial de turismo de Galicia e polo persoal de atención ao público nos diferentes museos, empresas ou obradoiros sinalados nos itinerarios do programa.