
A Asociación Cultural Pagasalgo está formada por un grupo de mozos e mozas de Ribadeo que “comparten un obxectivo común: dinamizar a vida social e cultural da vila durante todo o ano, fortalecer os vínculos co territorio e coa veciñanza e promover unha mocidade organizada, implicada na súa contorna e comprometida cos retos actuais da sociedade”. Este novo colectivo anuncia que “coa vontade de ofrecer alternativas de ocio continuadas máis alá dos períodos estivais, a asociación desenvolverá unha programación diversa que incluirá actividades como torneos de petanca, proxeccións audiovisuais, obradoiros gastronómicos e concertos, entre outras propostas abertas á participación da veciñanza. A primeira actividade oficial da asociación desenvolverase este sábado, 24 de outubro, na vila de Ribadeo. Será un torneo de petanca en colaboración co Club de Petanca de Ribadeo, seguido dun vermú. Hai prazas limitadas e xogarase por equipos de 3 persoas. Toda a información estará nas redes sociais: @pagasalgo”.
Tamén explican que “a iniciativa busca contribuír á dinamización de Ribadeo, favorecendo o encontro entre xeracións, a participación social e a creación de novos espazos de convivencia e actividade cultural. Para apoiar o proxecto, todas as persoas interesadas poden facerse socias da AC Pagasalgo por unha cota anual de 25 euros. As persoas asociadas poderán coñecer a programación con antelación, participar activamente no desenvolvemento das actividades e beneficiarse de descontos nelas”.
Desde a asociación agradecen á veciñanza “a boa acollida recibida e animan a todas as persoas interesadas a sumarse a esta iniciativa colectiva para seguir construíndo un Ribadeo máis activo durante todo o ano”.


