A programación cultural de Foz para decembro inclúe un espectáculo infantil e representacións de teatro afeccionado.

A programación cultural de Foz para o vindeiro mes de decembro empeza este sábado, día 2, cun espectáculo infantil na Sala Bahía e dúas representacións de teatro afeccionado, unha  en Marzán e a outra en Nois.

O espectáculo infantil titulase Vamos de paseo e é un tributo aos pallasos da tele. Será este sábado ás 12 do mediodía na Sala Bahía e o prezo da entrada é de 7 euros. O mesmo día ás 19:30 horas na antiga báscula de Marzán haberá unha representación do Ciclo de Teatro Afeccionado nas Parroquias. A compañía A Adala, de Fazouro, porá en escena a obra O que hai que ver ao volver. E ás 20:00 horas no centro social A Saira, de Nois, a agrupación Pico do Castro, de Foz, ofrecerá a obra A miña muller volveu. Para estas representacións a entrada é gratuíta.

A programación continuará o día 9, sábado, cunha representación de teatro musical infantil, que será na Sala Bahía ás 18:30 horas. A compañía Malasombra porá en escena a obra Os Rockenstein. O prezo das entradas é de 1,5 euros para os nenos e 2,5 euros para os adultos.