A programación cultural do Concello de Foz para a 2ª quincena de decembro inclúe danza, música, teatro e cabalgata de Papá Noel.

A programación cultural do Concello de Foz para a segunda quincena deste mes inclúe actividades de danza, música, teatro e a cabalgata de Papá Noel.

A Sala Bahía, de Foz, acollerá este sábado, 15 de decembro, un obradoiro infantil e xuvenil de danza urbana e contemporánea, ás doce do mediodía, e un espectáculo de danza infantil ás 18:30 horas. O obradoiro de danza urbana e contemporánea é para rapaces e rapazas a partir de 9 anos de idade. Para participar hai que anotarse na Delegación de Cultura do Concello de Foz. E o espectáculo de danza infantil que haberá na Sala Bahía a partir das 18:30 horas titúlase Gaia e corre a cargo de Entremans, de A Coruña, con coreografía e interpretación de Kirenia C. Martínez e Estefanía Gómez. Está dirixido a maiores de 3 anos e ten unha duración de 50 minutos. O prezo das entradas é de 1,5 euros para nenos e de 2,5 para adultos.

Este domingo, día 16, ás 20:00 horas na igrexa parroquial de Foz haberá un festival de panxoliñas no que actuarán Mar Aberto, o Coro de Foz e a Coral Polifónica de Foz.

As actividades continuarán o 21, venres, de 12:00 a 13:00 horas na casiña de Papá Noel situada diante da Casa do Concello, onde haberá elfos para recoller as cartas dos nenos e nenas. Ese mesmo día ás 20:00 horas na Sala Bahía terá lugar un festival de Nadal da Escola de Música de Foz 

O sábado 22 de 12:00 a 13:00 horas na casiña de Papá Noel situada diante da Casa do Concello, volverá a haber elfos para recoller as cartas dos nenos e nenas.

O día 24, luns, celebrarase a cabalgata de Papá Noel, que sairá ás doce do mediodía desde a Casa da Cultura que irá ata o Concello, onde recibirá a tódolos nenos e nenas. Os que queiran ir na carroza durante a cabalgata deben anotarse na oficina de Cultura, situada na Casa do Concello, desde o vindeiro luns, día 17, ata rematar as prazas ou como prazo máximo ata o venres 21 ás 14:00 horas. E teñen que presentar unha autorización por escrito do seu pai, nai ou titor. O mesmo día 24 ás doce do mediodía na Avenida da Mariña haberá un concerto de panxoliñas a cargo de alumnos e alumnas da Escola de Música de Foz.

O martes 25, día de Nadal, a Banda de Música de Foz ofrecerá o seu concerto tradicional destas datas. Será na igrexa parroquial ás 20:30 horas.

O día 27, xoves, ás 20:00 horas na Casa da Cultura proxectarase unha curtametraxe titulada Mans salgadas e realizada por alumnos e alumnas do IES de Foz.

O sábado 29 ás 18:30 horas haberá teatro infantil na Sala Bahía. A compañía Expresión Produccións ofrecerá o espectáculo de maxia cómica Trío de ases. O prezo das entradas é de 1,5 euros para os nenos e nenas e de 2,5 euros para os adultos.

E o luns 31 rematará a programación cultural do Concello de Foz para este ano cun concerto de panxoliñas na rúa. Será na Avenida da Mariña ás doce do mediodía.