A programación cultural do Concello de Foz para novembro inclúe cine, música, teatro e unha exposición colectiva no Cenima.

As actividades comezarán coa proxección da película Siembra na Casa da Cultura este xoves, día 2, ás 20:30 horas. O prezo da entrada é de 3 euros. Esta película, estreada no ano 2015, foi dirixida por Ángela Osorio e Santiago Lozano.

Ao día seguinte, o venres 3, ás 20:30 horas na igrexa parroquial focense haberá un concerto do Coro Xuvenil da Escola de Música de Foz. No mesmo lugar é a mesma hora o venres 10 terá lugar un concerto da Orquestra de Corda do Conservatorio de Viveiro. Tamén o venres 10, pero ás 20:00 horas, no centro social da parroquia de San Martiño haberá teatro a cargo da compañía Pico do Castro, que representará a obra A miña muller volveu.

A programación continuará o sábado 11 con teatro infantil. Ás 18:30 horas na Sala Bahía a compañía Baobab ofrecerá a obra Pum-Pum. Os prezos das entradas son de 1,5 euros para os nenos e 2,5 euros para os adultos.

O seguinte sábado, día 18, ás 20:00 horas a Sala Bahía acollerá un concerto da Banda de Música de Foz. E o venres 24 no centro social de San ta Cilla ás 21:30 horas haberá teatro a cargo de A Adala, que representará a obra titulada O que hai que ver ao volver. E o xoves 30 ás 20:30 horas na Casa da Cultura terá lugar a proxección da película Baixo a area, do ano 2015 e dirixida por Martin Zandvliet. O prezo da entrada é de 3 euros.

Ademais do 4 ao 30 de novembro o Cenima acollerá a exposición colectiva titulada Fábrica de identidade, promovida polo colectivo de xestión cultural Secuela e que incluirá obras de once artistas multidisciplinares da arte contemporánea que traballan en Galicia: Julia Álvarez Bautista, Amine Asselman, Nuria Bouzas Loureiro, Rebeca Cabaleiro, Daniel Canabal, Loureiro Costa, David Crespo, Bárbara Lamas, Mar Ramón, Vanesa Soares e Ariadna Yáñez.