A programación cultural do Concello de Foz para o mes de xullo inclúe cine, teatro e música.

O Concello de Foz comeza esta fin de semana a programación cultural do mes de xullo, que inclúe cine, teatro e música.

A concelleira de Cultura, Inés López Couto, anuncia que “o verán chega a Foz e este énchese de diferentes actividades para pequenos e maiores. Todas elas actividades respectarán os protocolos COVID para manter a máxima seguridade nas mesmas”.

Inés López especifica que “no pavillón do colexio Número 1 ás 21 horas haberá teatro todos os martes. As obras deste mes de xullo serán o día 6 coa compañía Galitoon que nos presenta The Show Moscón, o día 13 Producións Dispersas tráenos Tódalas marabillas do mundo, o día 20 Gazafhellos amosaranos a Pinocho e o día 27 contaremos coa compañía Fantoches Bah coa obra Os Romeiros do caracol.

A edil de Cultura engade que “tamén volverá o cine ás rúas de Foz e as parroquias con sesións ás 22.30 horas. Durante este mes de xullo contaremos o día 8 na praza Conde de Fontao, con La gallina turuleca; o día 15 no Campo da Cabana, con Cuñados; o día 22 de novo na Praza Conde de Fontao, The Addams Family-Halloween; o venres 23 de xullo en Fazouro, La boda de Rosa; o mércores 28 de xullo en Santa Cilla Green Book; o día 29 en Foz na Praza de Galicia poderase desfrutar de Eroski Paraiso; e pechamos xullo o día 30 en Nois coa película Si yo fuera rico”.

López Couto anuncia tamén que “ademais do teatro e o cine, as actuacións musicais acompañarán durante todo o verán as vacacións das focegas e focegos, e dos visitantes que nos acompañen. Esta fin de semana o grupo 2puntocom amenizará a partir das 22.30 horas hoxe, sábado, na praza Conde de Fontao e mañá, domingo, ás 13 horas na praia da Rapadoira. E haberá máis actuacións, que continuarán anunciándose nos próximos días”.

A concelleira de Cultura remata animando “a todos a que desfruten con seguridade da cultura en Foz, para o que seguiremos traballando e anunciando novidades nos próximos días”.