A programación de Nadal do Concello de Foz inclúe concertos, teatro, danza, unha exposición e as visitas de Papá Noel e dos Reis Magos.

A programación do Concello de Foz para este Nadal inclúe concertos, teatro, danza, a presentación dun libro, unha exposición e as visitas de Papá Noel e dos Reis Magos.

Este xoves, día 21, ás 21 horas na igrexa parroquial de Foz haberá un festival de Nadal a cargo dos conxuntos instrumentais e o coro infantil Peques da Escola de Música focense. Ao día seguinte, o venres 22, ás 20:30 horas e tamén na igrexa parroquial de Foz terá lugar outro festival de Nadal da Escola de Música local, neste caso a cargo dos alumnos de prebanda, coro infantil, coro xuvenil e a orquestra de jazz. Nesa mesma xornada do venres e tamén o sábado 23 haberá unha recollida de cartas dos nenos e nenas para Papá Noel. Para iso os seus elfos estarán na casiña de Papá Noel instalada diante da Casa do Concello de 12:00 a 13:00 horas e tamén percorrerán varias rúas da vila. 

O día de Noiteboa, domingo 24, ás doce do mediodía Papá Noel sairá da Casa da Cultura e dirixirase á Casa do Concello, onde recibirá a todos os nenos e nenas. Para poder ir na carroza de Papá Noel os nenos e nenas deberán anotarse no Concello de Foz, concretamente na oficina de Cultura, os días 21 e 22, xa que o número de prazas é limitado. O mesmo día haberá ademais un concerto de panxoliñas na Avenida da Mariña a cargo de alumnos e alumnas da Escola de Música de Foz. Será ás doce do mediodía. Nesa mesma xornada celebrarase tamén a segunda edición da carreira Run Foz Run Nadal, con saída da praza Rosalía de Castro a partir das 16:30 horas.

As actividades continuarán o luns 25, día de Nadal, co tradicional concerto da Banda Municipal de Música de Foz. Será ás 20:30 horas na igrexa parroquial.

O mércores 27 haberá unha representación de teatro musical infantil na Sala Bahía ás 18:30 horas. A compañía Redrun Teatro ofrecerá a obra titulada A nena que quería navegar. O prezo das entradas é de 1,5 euros para os nenos e 2,5 euros para os adultos. O mesmo días ás 20:00 horas na Casa da Cultura presentaranse os libros de Paco Rivas titulados Picaraxadas, brinquedos rimados e Escolma poética.

O sábado 30 ás doce do mediodía na Avenida da Mariña haberá outro concerto de panxoliñas dos alumnos e alumnas da Escola de Música de Foz. Ese mesmo día ás 19:00 horas na Casa da Cultura o Grupo de Teatro Xuvenil Escouridal, de Alfoz e O Valadouro, representará a obra Brancura, escrita por Pepe Peinó. É para todos os públicos con entrada gratuíta.

Xa en xaneiro o día 4, xoves, ás 18:30 horas na Sala Bahía terá lugar un espectáculo de danza dirixido ao público infantil con entrada gratuíta. A compañía Traspediante ofrecerá o espectáculo Baila un vestido verde. Nesa mesma xornada ás 20:30 horas no pavillón do colexio Martínez Otero terá lugar a actividade Patinando en Nadal.

E o venres 5 celebrarase a tradicional Cabalgata de Reis, con saída da praia da Rapadoira ás 19:00 horas para percorrer as rúas da vila ata o belén vivinte que estará na Casa do Concello. Ao remate repartiranse churros con chocolate e roscón de Reis no patio do colexio Número 1, onde tamén haberá inchables para os nenos. Para poder facer o percorrido cos Reis Magos nas carrozas os nenos e nenas interesados deberán anotarse na Delegación de Cultura do Concello de Foz do 2 ao 4 de xaneiro ata cubrir prazas e para participar na cabalgata teñen que ir vestidos de pastores ou co traxe rexional.

Ademais desde o día 15 deste mes ata o 15 de xaneiro o Cenima acolle unha exposición colectiva titulada 20 horas debuxando sobre o papel, con obras de alumnos e alumnas de debuxo da Aula Universitaria da UNED en Foz.