A programación de Nadal do Concello de Viveiro continúa con diversas actividades do 2 ao 5 de xaneiro.

A programación de Nadal do Concello de Viveiro continuará o vindeiro xoves, 2 de xaneiro, co espectáculo para o público infantil Burbuja. Será a partir das 20:30 horas no Teatro Pastor Díaz. As prazas son limitadas e os prezos das entradas de 3 e 5 euros.

O venres, 3 de xaneiro, ás 18:00 horas no Pastor Díaz Teatro Marionetas Trécola presentará O agasallo de Anya. A entrada será de balde ata completar aforo e conta coa colaboración da Deputación de Lugo, Vicepresidencia e Cultura.

O sábado, 4 de xaneiro, ás 20:30 horas tamén no Pastor Díaz, Láfayette Company presentará Le Cirque, para o público infantil, con prazas limitadas e o prezo das entradas de 3 e 5 euros.

O domingo, 5 de xaneiro, ás 18:00 horas sairá a Cabalgata de Reis que percorrerá Celeiro, Covas e Viveiro. Ao remate terá lugar a recepción das súas Maxestades de Oriente aos nenos e nenas na praza Maior do Concello de Viveiro.

Ademais ata o día 4 de xaneiro no Mercado estará A trastenda de Nicomedes, en horario de 11:00 a 14:00 e de 17:00 a 21:00. Tamén poderá visitarse o belén Viveiro ante o Berce ata o día 13 de xaneiro no adrio de Santa María, en horario de 9:00 a 00:00. Durante estes días tamén permanece, na sala multiusos da Biblioteca Municipal, o belén de Bágoas da Terra.