Representantes do Concello e de Acisa presentarán o legado indiano ribadense a axencias de viaxes e turoperadores en Fitur 2020.

Unha delegación formada por representantes do Concello de Ribadeo e da Asociación de Comerciantes, Industrias, Servizos e Autónomos presentarán o legado indiano ribadense a axencias de viaxes e turoperadores durante a feira internacional de turismo Fitur, que se celebrará en Madrid a vindeira semana.

“Ribadeo estará presente nunha nova edición da Feira Internacional de Turismo (Fitur). Sabedores de que o concello de Ribadeo segue a medrar como destino dentro de Galicia, unha delegación formada por membros do Concello e ACISA desprazaranse a Madrid para seguir posicionando esta contorna como un dos destinos turísticos máis importantes do litoral galego e mesmo español, onde milleiros de persoas conflúen actualmente para gozar dunha paisaxe excepcional conformada por un conxunto de elementos patrimoniais de carácter natural e cultural”, explican desde o Concello ribadense.

O alcalde, Fernando Suárez Barcia, e o concelleiro delegado de Turismo, Pablo Vizoso Galdo, como representantes do Concello, e o presidente, Francisco Iriarte Quintana, e o xerente, Jesús Pérez Prada, como representantes da Asociación de Comerciantes Industriais, Servizos e Autónomos de Ribadeo, axuntaron esforzos e durante estas últimas semanas estiveron a traballar conxuntamente para presentar Ribadeo como un destino turístico de referencia, diferenciado e de calidade con propostas novidosas que teñen como eixe central o patrimonio cultural, natural e inmaterial. Ao longo da súa estancia en Fitur estableceran contactos con diferentes axencias de viaxes e touroperadores pois acaban de pechar unha axenda ben nutrida de contactos. 

Entre as iniciativas que presentarán está a de seguir a traballar co legado indiano, “tendo en conta que este xoga un papel moi importante como elemento diferenciador á hora de dar valor ao noso territorio no mundo da globalidade. E tamén entre os obxectivos marcados, está a posta en valor do tramo do Camiño de Santiago que atravesa o municipio de Ribadeo, porta de entrada a Galicia do Camiño Norte”.