A ría de Foz e as aves máis icónicas desta paraxe natural serán as protagonistas de A Mariña en Ruta o 19 de novembro.

A  cuarta edición de A Mariña en Ruta, iniciativa da Mancomunidade, realizará este sábado, 19 de novembro, unha visita ornitolóxica á ría de Foz. 

Os asistentes poderán descubrir as aves máis icónicas deste paraxe natural. Nesta época do ano a ría focense acolle interesantes poboacións de especies acuáticas tanto migratorias como invernantes: espátula, cerceta común, ánade silbón ou barnacla carinegra. Neste estuario concéntranse núcleos de zarapito real e agulla colipinta, que xunto ao escaso correlimos gordo danlle importancia a escala estatal á ZEPA Ría de Foz. A visita será guiada por Saúl Román. 

Éxito da ruta por Trabada
Vinte persoas gozaron o pasado sábado de A Mariña en Ruta por Trabada. Os participantes coñeceron a historia e os modos de vida antigamente visitando o Museo Etnográfico Xosé Rocha. Despois desprazáronse ata a igrexa da Vilapena, onde puideron ver os seus importantes retablos e a continuación realizaron unha andaina a través da Fraga da Vilapena, a través da que puideron observar diferentes tipos de árbores, de setas, fervenzas… 

A cuarta edición de A Mariña en Ruta rematará o vindeiro 26 de novembro. Trátase dun proxecto promovido pola Mancomunidade de Concellos coa colaboración da Xunta de Galicia e da Deputación de Lugo. 

A información sobre a ruta pendente e as reservas de prazas realizarase de forma automática a través da web de Turismo de A Mariña Lucense https://amarinalucense.gal/es/a-marina-en-ruta Email: enruta@amarinalucense.gal e o teléfono 644 009 722