Ribadeo acenderá o alumeado de Nadal este venres, 27 de novembro

Ribadeo acenderá o alumeado de Nadal este venres, día 27 de novembro. Será no Parque de San Francisco ás 19:00 horas, a carón da bola alí instalada.

A concelleira de Turismo e Comercio, Marta Saiz, anuncia: “xa está aquí o Nadal, unhas datas de maxia, ilusión e reencontros. Dende o Concello presentamos unha programación pensada para grandes e pequenos. Mañá venres, 27 de novembro, ás 7 da tarde terá lugar o acendido do alumeado na bola situada no Parque de San Francisco, que converterá Ribadeo en centos de recubequiños festivos e ao mesmo tempo servirá como motor da economía do comercio e da hostalería local”.

A edil ribadense contou que “o calendario de Nadal combina o encanto das tradicións con propostas pensadas para dinamizar o noso pobo. Dende o acendido do alumeado á pista de xeo e Ribaxogo, ao Mercado do Nadal, ese espazo cheo de encanto, aromas e espírito navideño, converténdose nun escaparate perfecto para artesáns e produtores. Tamén o primeiro encontro de asociacións, como novidade deste ano, é reflexo participativo da nosa vila, unha actividade para compartir e dar visibilidade ao tecido asociativo e poñer en valor a labor dos colectivos culturais, deportivos e sociais que manteñen viva a esencia da nosa comunidade durante todo ano. Gastropraza, talleres infantís, música en directo, a chegada de Papa Noel en moto o día 19 e como non a cabalgata de reis, entre outras moitas actividades”.

Saiz tivo palabras de agradecemento para Acisa e para o tecido asociativo de Ribadeo: “agradecer a Acisa ese traballo en conxunto durante todo ano e a todo o tecido asociativo que co seu traballo desinteresado, sen dúbida, enriquece Ribadeo”. E subliñou: “regalar comercio local é regalar futuro. E aproveitando a pancha, a nosa moeda local, invito a todos os ribadenses, e a quen nos visita, a vivir o Nadal en Ribadeo, porque a verdadeira maxia tamén está en coidar o noso, elixir o noso comercio de proximidade, elixir brindar nos nosos bares e restaurantes e participar nas actividades é a mellor maneira de manter un Ribadeo vivo, acolledor e próspero”.

A concelleira de Cultura, Begoña Sanjurjo, explicou que “a programación do Nadal 2026 ten cultura para todas as idades e de diversos tipos. A música, comezará xa no momento do acendido das luces con Ribadeo Canta ó Nadal. O coro do Sagrado Corazón abrirá o Mercado do Nadal. Teremos Panxoliñas o día 22 na igrexa e o 3 de xaneiro pola rúa. A EMMeD desexaranos unhas felices festas os días 12 e o 19. Os nosos maiores desfrutarán co Argadelo e co Coro do Sagrado Corazón. Teremos un concerto de Nadal coa Xove Orquestra de Lugo e para rematar un concerto de Reis coa Agrupación musical Albéniz de pulso e púa”.

Sanjurjo manifestou tamén que “Ítaca representará Profetas o día 13 no auditorio e tamén teremos microteatro de rúa. A picaraxada poderá gozar con actividades diversas, cine de Nadal, Ribaxogo e a pista de xeo, que tamén é para aqueles que aínda que cumpriran anos seguen sendo pícaros. Os Bolechas virán o día 3 de xaneiro co Tizón do Nadal. E como non teremos desfile de Papá Noel o día 24 e recibiremos ás súas maxestades de oriente o día 5 para vivir a noite da ilusión”.