Ribadeo acollerá do 13 ao 15 de abril o Festival Swing Eo. Haberá concertos, festas e clases. Arredor de 230 persoas se darán cita no evento.

Ribadeo acollerá do 13 ao 15 de abril o Festival Swing Eo. Haberá concertos, festas, clases na rúa abertas a todo o público, pero tamén en recintos pechados para os máis avantaxados. Arredor de 230 persoas se darán cita neste evento chegadas desde diversos puntos do país e incluso desde Canadá. O Festival Swing Eo foi presentado esta tarde no Teatro de Ribadeo.

A técnica de Cultura, Neves Paz, lembrou que “o ano pasado Beatriz propúxolle ao Concello, en nome de varios amigos do swing, de afeccionados á música e ao baile do swing, un encontro, aproveitando que temos unha vila moi bonita, cun programa que aínda que este ano se enriqueza naquela altura xa era bastante atractivo, que eran as clases de baile empezando desde o nivel máis baixo, concertos e algo que a nós nos gusta moito, que se agradece moito desde o punto de vista das programacións culturais, que é facer exhibicións de baile nas rúas”.

Neves Paz engadiu que “o ano pasado colaboramos co que era o caché e a organización dun concerto de música swing, e este ano imos repetir esa colaboración. Eu creo que é unha maneira moi enriquecedora de traballar en cultura cando recibes propostas tan atractivas, e tes a posibilidade de colaborar e de axudar a que sigan adiante. Desde o Concello agradecemos a esta asociación que nolo propuxera e que teñan estas propostas tan atractivas para todos os públicos e ao ser tamén cousas que van para fora inclúen ao maior número de xente posible”.

Pola súa banda Beatriz G. Ron, da asociación Swing Eo, quixo “dar as grazas ao Concello por apoiarnos porque é unha sorte para nosoutros e sen ese apoio non sería posible a primeira edición e esta outra tampouco”.

Beatriz G. Ron recordou que “a primeira vez non esperábamos nin 20 asistentes e acórdome que encarguei 70 chapas e quedamos sen elas, non dos que asistiron ás clases, pero si de todos os participantes en xeral. No swing lévase moito o de quedar na rúa, poñer música e bailar todos libremente, incluso ensinarse uns os pasos aos outros. Este ano intentamos facer outro concerto a maiores e ven xente dende Santander, e iso que en Bilbao están celebrando un dos festivais máis grandes de toda España. Tamén ven xente dende Vigo, Compostela, Coruña, Madrid, Xixón e Oviedo, e incluso ven unha dende Canadá. O ano pasado veu un chino que estaba de paso en Santiago facendo o Camiño, pero esta rapaza ven moi condicionada polo Swing Eo dende Canadá”.

A representante da asociación Swing Eo explicou que “o programa ten o venres un concerto cunha clase aberta para os asistentes ao concerto de rock and roll, e despois unha festa. O sábado hai as clases e un xantar conxunto. Pola noite temos o concerto do Concello e despois iremos a unha sala na que tivemos que pechar as inscricións porque xa non cabiamos máis. O domingo, dependendo se chove ou non, será no Cantón ou na praza de abastos, unha sesión vermú de baile libre con música en directo. Os participantes nas clases van ser 100 e na festa do sábado pola noite 130”.

Beatriz G. Ron engadiu que “a nosoutros o que máis nos gustaría sería poder facer aquí un grupiño que recibira unhas clases unha vez ao mes dalgún profesor que viñera, para despois o ano que ven acoller outro festival”.

Este Festival Swing Eo ofrecerá os concertos de The Swintonized Band e Viajeros del Swing. E as clases de baile serán impartidas polos profesores Carlos Cayuela e Julia Roig, e Karen Campos e María Sanz.

A organización do evento tivo palabras de agradecemento para os patrocinadores que son Galipizza, Rosa-Lar e Molino Pub.