
O Concello de Ribadeo organizará os días 18, 19 e 20 de decembro de 2026 o I Encontro de Asociacións de Ribadeo, unha iniciativa que “nace co obxectivo de recoñecer, visibilizar e poñer en valor a importante labor que desenvolven as asociacións e entidades sen ánimo de lucro na vida social, cultural e comunitaria”.
O encontro celebrarase no Campo de San Francisco, que se converterá durante esas tres xornadas “nun espazo aberto á participación cidadá, no que as entidades participantes poderán dar a coñecer os seus proxectos, actividades e iniciativas, compartir experiencias e achegar á veciñanza o traballo que realizan ao longo de todo o ano”.
A concelleira Marta Saiz indicou que “a iniciativa pretende ofrecer un escaparate do amplo e diverso tecido asociativo de Ribadeo e da súa contorna, abrindo tamén a participación a entidades procedentes doutros puntos de Galicia, Asturias ou outras comunidades. Poderán estar representados ámbitos moi diversos, como o cultural, deportivo, educativo, veciñal, social, asistencial, ambiental, xuvenil, recreativo ou festivo. Trátase dunha rede de participación que contribúe de maneira decisiva ao dinamismo dos municipios, á conservación das tradicións e do patrimonio, á promoción de hábitos saudables, á inclusión social, á solidariedade e á cohesión da comunidade”.
A edil ribadense contou que “durante o encontro, as asociacións disporán dun espazo propio no que poderán presentar a súa actividade, divulgar os seus obxectivos, expoñer proxectos e materiais, organizar propostas participativas e desenvolver actividades de sensibilización, demostracións ou obradoiros. Así mesmo, poderán realizar exposición e venda de produtos vinculados aos seus fins sociais e destinar os ingresos obtidos ao desenvolvemento das súas actividades e iniciativas”. E subliñou que o Concello “busca, deste xeito, favorecer o coñecemento mutuo entre as entidades, crear novas oportunidades de colaboración e achegar o seu traballo á cidadanía, facilitando tamén que as persoas interesadas poidan coñecer as distintas formas de participación e implicación na vida asociativa”.
Marta Saiz explicou que as entidades interesadas en participar poderán presentar a súa solicitude ata o 6 de decembro de 2026, de acordo coas bases reguladoras aprobadas polo Concello.


