Ribadeo acollerá do 26 de outubro ao 12 de novembro unha exposición sobre deportados aos campos de exterminio nazis

A Agrupación Cultural Francisco Lanza, de Ribadeo, organiza unha exposición sobre deportados da Mariña luguesa e do Occidente asturiano a campos de exterminio nazis. Será na Sala de Exposicións da Oficina de Turismo. Comezará este xoves 26 de outubro e prolongarase até o domingo 12 de novembro.
 
Haberá dúas charlas acompañando a exposición. Serán os xoves 26 de outubro e 9 de novembro, impartiranse no Centro Social ribadense e serán ás 20:30 horas. Na primeira falarán Antonio Muñoz Sánchez, José Miguel Suárez Fernández e Miguel Freire. Este último ofrecerá a segunda conferencia.