
A Área de Benestar Social, Saúde e Familia organizará o vindeiro 30 de maio o primeiro Foro Alzheimer de Ribadeo, unha iniciativa centrada na sensibilización, información e acompañamento ás persoas afectadas por esta enfermidade e ás súas familias.
O foro contará coa colaboración da Xunta de Galicia e das asociacións AFALU Lugo e AFÁN Burela, entidades de referencia no apoio ás persoas con alzheimer e outras demencias. A xornada desenvolverase no Salón de Alcaldes do Concello de Ribadeo, en horario de 10:00 da mañá a 19:00 horas, cun programa amplo e diverso que combinará conferencias, mesas redondas e actividades prácticas.
Entre os contidos destacados figura a participación da doutora Malfeito, xefa do servizo de Xeriatría do HULA, que ofrecerá unha charla especializada sobre o alzheimer e os retos actuais arredor desta enfermidade. Ademais, profesionais da psicoloxía de AFALU abordarán diferentes ferramentas de apoio emocional e acompañamento para familias e persoas coidadoras. O programa incluirá tamén unha mesa redonda de familiares que compartirán as súas experiencias persoais, un taller corporal e de respiración impartido por Lucía Erice, do Carboeiro, así como unha mesa informativa sobre recursos e servizos dispoñibles por parte das asociacións colaboradoras.
Dende a Área de Benestar Social, Saúde e Familia, a concelleira Elena Sierra destaca “a importancia de crear espazos de encontro e información ante unha enfermidade cada vez máis prevalente e que require ofrecer recursos reais ás familias e ás persoas coidadoras”. E subliña que “seguir apostando pola creación de espazos seguros de información e de ferramentas prácticas e reais é primordial para ofrecer calidade de vida a todos os ribadenses”.
O alcalde de Ribadeo, Daniel Vega, sinala que “este tipo de foros próximos e accesibles son fundamentais para o benestar das persoas coidadoras e tamén para os nosos maiores”.
O Concello de Ribadeo anima á veciñanza a participar nesta primeira edición dun foro que nace coa vontade de consolidarse como un espazo de referencia para a información, a sensibilización e o apoio arredor do alzheimer.


