Ribadeo conmemora o Día Mundial dos Humidais o 3 de febreiro cunha charla e cunha saída ornitolóxica pola ría.

O Concello de Ribadeo, como cada ano, únese á celebración do Día Mundial dos Humidais. Así, neste 2018, o 3 de febreiro levaranse a cabo dúas actividades encamiñadas a aumentar a sensibilización e o coñecemento da Ría de Ribadeo como berce de diversidade biolóxica. 

Desde a Concellaría de Turismo subliñan que “como xa é coñecido, esta ría constitúe un dos principais humidais do litoral norte de Galicia, motivo polo cal está declarada como Humidal de Importancia Internacional, así como Zona de Especial Protección para as Aves ou Reserva da Biosfera, entre outras figuras de protección”.

E engaden que “desta vez, as protagonistas serán as aves, para isto contaremos coa colaboración de Carlos Sanjurjo, Gilberto Sánchez Jardón e Óscar Chao, todos eles afeccionados á ornitoloxía e grandes coñecedores do humidal situado aos pés da vila e do concello de Ribadeo”.

Estas actividades darán comezo ás 11:30 horas na Casa da Xuventude cunha conferencia titulada Avifauna nos humidais de Ribadeo, a cargo de Carlos Sanjurjo afeccionado á ornitoloxía e amante da fotografía.

Xa pola tarde, ás 15:30h levarase a cabo unha saída ornitolóxica pola ría de Ribadeo para observar aves, guiada por Carlos Sanjurjo e Gilberto Sánchez Jardón afeccionados á ornitoloxía e Óscar Chao administrador da páxina de Facebook Aves e Natureza de Ribadeo. 

Desde Turismo explican que “para maior comodidade trasladarémonos en microbús saíndo da Oficina de Turismo de Ribadeo. A organización recomenda levar roupa e calzado cómodos e, de ser posible, acudir con prismáticos. É necesario facer reserva no seguinte número de teléfono 982 128 689 ou en na seguinte dirección de correo electrónico turismo@ribadeo.org.

Este ano o lema escollido pola Convención Ramsar para conmemorar esta efeméride  é Humidais para un futuro urbano sostible.