Ribadeo é destino de referencia para unha fin de semana especial de gran actividade comercial, hostaleira e de lecer

Acisa Ribadeo programou para esta fin de semana, do 27 ao 29 de novembro, diferentes actividades e campañas promocionais que, xunto co acendido do alumeado de Nadal, “converten á vila nun destino especial para gozar das compras, da gastronomía e do lecer”.

A Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos de Ribadeo convida “á veciñanza de Ribadeo, da Mariña, do Occidente asturiano e aos visitantes a gozar dunha fin de semana na que se concentran numerosas propostas comerciais e gastronómicas, acompañadas de importantes descontos e promocións”.

O xerente de Acisa Ribadeo, Jesús Pérez, explicou que este venres, 27 de novembro, “comeza a nosa campaña do Black Friday, que se desenvolverá ata o domingo, con máis de 50 ofertas diferentes, descontos de ata o 60 %, promocións de 2x1, vales de desconto para futuras compras ou agasallos directos. A isto debemos sumar a celebración das Xornadas Gastronómicas dos Torresmos, que terán lugar o sábado e o domingo 23 establecementos hostaleiros asociados, con tapas a 1,50 euros, e para as que repartimos máis de 40 quilos de materia prima grazas á colaboración de Celtagal”.

O xerente do colectivo empresarial ribadense engadiu que “a estas iniciativas debemos sumar a campaña das Panchas, coa que por cada 30 euros se obteñen 10 euros adicionais, o que permite conseguir un desconto extra sobre as propias ofertas do Black Friday nos establecementos adheridos. Ademais, rexistrando as compras na páxina web da Federación de Comercio de Lugo, a clientela poderá participar no sorteo dun coche híbrido. E, por se fose pouco, continúa en marcha a nosa campaña Enche o depósito con Acisa, coa que se poden obter descontos de 0,10 euros por litro de combustible na estación de servizo do Grupo Valcarce en Ribadeo”.

A presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, subliñou que “todo isto fai que desde hoxe, venres, e ata o domingo Ribadeo presente unha oferta comercial, gastronómica e de lecer especialmente atractiva, que poucas outras localidades ofrecen nestas datas. Temos moitos motivos para convidar á xente a achegarse a Ribadeo, realizar as súas compras, gozar da nosa hostalaría e aproveitar todas estas promocións. Ribadeo conta cun comercio de proximidade cun trato e asesoramento persoais, que non podemos atopar a golpe de click, ademais dunha hostalaría cunha ampla oferta de propostas e disposta a satisfacer o gusto e as demandas de toda a súa clientela”.

Cruzado Iglesias engadiu que “esta fin de semana coincide ademais co acendido do alumeado de Nadal, dando así comezo á maior campaña comercial do ano, que nesta edición chegará cargada de novidades, grandes iniciativas e unha extensa programación de actividades que iremos dando a coñecer nos vindeiros días. Queremos animar a toda a veciñanza da Mariña e do Occidente de Asturias a aproveitar do 27 ao 29 de novembro para adiantar as súas compras de Nadal, apostar polo comercio de proximidade e gozar de todo o que Ribadeo ten para ofrecer”.