
Ribadeo e Lalín instalarán pantallas xigantes na praia das Catedrais e no Altar do Sol para seguir nunha observación conxunta a eclipse de sol do vindeiro 12 de agosto, que será comentada por José Ángel Docobo, director do Observatorio Astronómico Ramón María Aller.
Foi o profesor Docobo o que a definiu como “a eclipse das nosas vidas” e comentou tamén que “o 28 de agosto haberá unha eclipse de lúa”. Parécelle unha moi boa idea a observación conxunta que están a organizar os Concellos de Lalín e de Ribadeo: “as nubes son caprichosas entón tendo a oportunidade de observar a eclipse desde dous sitios temos o dobre de posibilidades de poder velo. En Ribadeo rexistrarase a máxima duración en Galicia, que será de 1 minuto e 45 segundos e en Lalín será visible desde a parte leste e norte do municipio, pero hai un lugar emblemático onde será a observación, que aínda que dure 20 segundos na totalidade consideramos que merece a pena, que é o Altar do Sol”.
O alcalde de Lalín, José Crespo, explicou: “imos poñer dúas pantallas xigantes en Ribadeo e en Lalín e o profesor Docobo estará a narrar todos os aspectos científicos, falará do que pasará antes, durante e despois do eclipse. Tamén é o día das perseidas entón faremos algo de festa despois da eclipse, aínda estamos traballando niso, e despois das doce da noite será a quenda para as perseidas. O 12 de agosto vai ser unha xornada maratoniana”.
O alcalde de Ribadeo, Dani Vega, explicou que “estes dous monumentos naturais quixemos aproveitalos e contar co profesor Docobo, xa que os seus antepasados eran da Devesa, e alí nesa parroquia e en concreto na praia das Catedrais é onde faremos esta actividade conxunta. Somos dous municipios que sabemos aproveitar os recursos e a eclipse había que aproveitala para vivir ese momento conxunto. E haberá unha retransmisión especial desde a TVG, que xa está traballando niso”.
Ambos rexedores fixeron unha chamada “a todas as administracións, que tomen nota para colaborar con nós e que isto sexa posible. Precisamos financiamento para utilizar o satélite e ter unha conexión de calidade”.
Lalín preparará aparcadoiros para acoller a toda a xente que se achegará ao Altar do Sol a ver a eclipse do 12 de agosto. E Ribadeo xa anuncia un dispositivo especial de tráfico na contorna do emblemático areal para ese día.
Ambos rexedores confían en que este sexa o primeiro paso para seguir facendo cousas xuntos no futuro, entre Lalín e Ribadeo.
O Observatorio Ramón María Aller acolleu a presentación deste mediodía na que tamén participaron as concelleiras de Turismo de Ribadeo e de Lalín, Marta Saiz e Begoña Blanco.


