Ribadeo foi o pobo máis buscado da provincia de Lugo durante o 2020 en Google, segundo recolle un estudo de Musement.

Satisfacción en Ribadeo tras coñecerse que é o pobo máis popular da provincia de Lugo. Os datos aparecen recollidos nun estudo de Musement, elaborado a partir do volume de buscas en Google, no que propón unha visita aos 50 pobos máis populares  de todo o estado.

Musement sinala que a pandemia do covid19 e as limitacións da mobilidade durante o 2020 influíron de xeito notable no incremento do turismo de proximidade, que seguirá a ser unha tendencia neste ano que se acaba de estrear. Foron moitos os que optaron por redescubrir as súas cidades de residencia habitual e outros moitos os que buscaron pequenos paraísos lonxe das multitudes, pero cerca dos seus fogares. O pobo máis buscado da provincia de Lugo foi Ribadeo. 

O alcalde, Fernando Suárez, declarou que “realmente é unha satisfacción poder ver que nestes momentos de dificultade, de tristura, onde sempre hai malas noticias e onde parece que non se dá visto a luz ao final do túnel, dá unha certa satisfacción ver que Ribadeo é da provincia de Lugo o pobo, de menos de vinte mil habitantes, que máis buscas ten en Google e que máis interesa á xente doutras latitudes en vir coñecer. Todo isto segundo un estudo dunha plataforma que se chama Musement, que é unha das principais para a reserva de actividades, de visitas, de espectáculos e de eventos en internet, e o que reflicte é que, xunto con Cambados, Allariz e Betanzos, somos as localidades de Galicia máis buscadas e a grande diferenza das outras”. 

O rexedor ribadense agarda que “a luz ao final do túnel se vexa canto antes e que poidamos ser un lugar de visita. Sabemos que o mundo do turismo vai cambiar e sabemos que unha economía non debe estar simplemente volcada nese sector, pero hai unha realidade que hai que ter en conta e que nos vai axudar, sen dúbida, coas medidas sanitarias que teñamos que tomar e con todas as recomendacións sanitarias que teñamos que ter, pero que máis cedo que  tarde poidamos volver recibir a tanta xente que, nestes últimos anos, estivo vindo por Ribadeo. Habemos, tanto o sector hostaleiro coa iniciativa privada como nós como iniciativa pública, ter o mellor posible e disposto este pobo, este concello tan aberto, tan ansioso e tan desexoso de poder recibir a toda esta xente que a día de hoxe nos busca e pide información de nós polas redes por internet”.