Santo Adrao (Lourenzá) acolle unha actividade sobre os entroidos de antes este domingo, 21 de xaneiro

A Casa dos Veciños da parroquia de Santo Adrao, no concello de Lourenzá, acollerá unha actividade sobre os entroidos de antes titulada “Tempo de faruleiros”. Será este domingo, 21 de xaneiro, ás 17:30 horas. Está organizada pola Asociación Patrimonio Laurentino e pola Asociación de Veciños San Adriano.

Os organizadores anuncian: “agora que remataron as festas de Nadal e o Entroido peta xa á porta, imos ter esta actividade tan bonitiña en colaboración coa Asociación de Veciños da parroquia de Santo Adrao. Lembraremos coa xente máis maior como eran os entroidos de antes e contaremos tamén con Xosé Manuel Seixas, un dos maiores especialistas en máscaras e entroidos tradicionais de Galicia. Comeza o tempo dos faruleiros e das faruleiras. Animádevos”.