Sarabela Teatro chega o 17 de febreiro a Viveiro coa comedia “Asemblea xeral”

Será a partires das seis da tarde no Teatro Pastor Díaz. O elenco artístico está formado por: Fran Lareu, Hector Martínez, Elena Seijo, Fernando Dacosta e Sabela Gago

Os animais sofren a peste e, crendo que é un castigo do ceo, buscan un culpable entre eles para sacrificalo. Con ese fin, acordan unha “asemblea xeral” onde cada un confesará as súas faltas. A súa principal fonte é a fábula “Os animais apestados” de La Fontaine e o seu argumento expón, no símil entre as actitudes dos animais e os humanos; a confesión pública dos pecados de cada un para librarse dunha epidemia de peste que arrasa o país e que se interpreta coma un castigo divino. Neste proceso público quedan desenmascarados os hipócritas e aduladores, o poder despótico. onstitúe unha boa crítica da inxustiza que supón a administración da xustiza cando protexe ao poderoso aínda sendo culpable e busca como vítima propiciatoria ao ser máis indefenso.

Lauro Olmo e Pilar Enciso constrúen unha trama traxicómica onde poñen en solfa os mecanismos de poder que presiden os réximes sociais autoritarios. A obra, escrita despois da morte de Franco, obtivo, a pesar da súa breve duración, o premio ‘Manuel Espinosa e Cortina’, da Real Academia Española da Lingua, á mellor obra estreada no quinquenio 1977-1981.

Venda de entradas: de luns a xoves, no teléfono 982560162, en horario, de 9 a 14,00 horas, ou no correo electrónico rbg.cultura@viveiro.es ou na taquilla unha hora antes da función.