A segunda edición dos Ventos Poéticos, que organiza o Concello de Ribadeo, será o 4 de maio no Teatro. Participarán autores de Asturias, Portugal e Galicia.

A Concellaría de Cultura organiza a segunda edición do recital Ventos Poéticos que terá lugar mañá, venres, no Teatro ás 20:30 horas. Estará protagonizado por autores de Asturias, Portugal e Galicia. O evento está dirixido por Yolanda Castaño.

O concelleiro de Cultura, Farruco Graña, anunciou que “este venres, 4 de maio, vai haber un recital poético no Teatro de Ribadeo. Será a festa da palabra que abre paso ao literario mes de maio. Ás oito e media da tarde, poderemos escoitar os poemas de Xuán Bello, Quique Roxíos, Olga Novo e Elisabete Marques. Imos poder combinar as brisas poéticas que nos chegan dos catro ventos ata esta porta norte nestes días limiar das letras galegas, portuguesas e asturianas”.

O edil ribadense salientou que “como non podía ser menos tamén queremos dar visibilidade á produción literaria que se realiza na comarca eonaviega na variante do galego-asturiano co que de cote convivimos todos os días as persoas que compartimos experiencias cos nosos veciños e veciñas eonaviegos, e tamén cando lles damos acollida na nosa vila e parroquias”.

Graña engadiu que “aproveitando a súa visita a Ribadeo, Olga Novo e Elisabete Marques tamén se van achegar ata o IES de Ribadeo Dionisio Gamallo en horario escolar. E á tardiña xa nos veremos todos para escoitarmos a Elisabete Marques, Olga Novo, Quique Roxíos  e  Xuán Bello, no Teatro de Ribadeo, ás oito e media”.

O concelleiro de Cultura lembrou que “esta é xa a súa segunda edición. Hai dous anos tivemos o primeiro recital poético, tamén organizado por Yolanda Castaño, e puidemos intercambiar experiencias entre poetas galegos e madrileños. Nesta ocasión é un encontro Galicia, Portugal e Asturias. Houbo momentos especialmente emotivos nesa primeira edición dos Ventos Poéticos. Poder contemplar en silencio, recoñecido polos propios poetas, escoitar os versos de cada un deles foi marabilloso. Nesta ocasión poderemos volver experimentalo se nos achegamos ao Teatro de Ribadeo este venres, ás oito e media da tarde”.