A Sociedade Cultural Ledicia, de Burela, ten listo o vestiaro que empregarán os Reis Magos para o reparto dos agasallos entre os nenos e nenas do municipio.

Desde Ledicia subliñan que “a situación sanitaria que vivimos non permite que o próximo 5 de xaneiro os Reis Magos se paseen por Burela nas súas carrozas, pero iso non vai impedir que veñan facer o seu traballo e deixar en cada casa os agasallos correspondentes”.

A Sociedade Cultural Ledicia está en contacto permanente con eles, e xa ten preparado o vestiario que usarán ao seu paso polo pobo, no que gardarán en todo momento as medidas anti covid necesarias.

Ledicia anima “a todos os nenos e nenas a que deixen os zapatos ben limpos, bebida e comida para que os reis e os camelos repoñan forzas, e se deiten ben cediño esa noite para que a comitiva real poda facer o seu traballo sen problemas”. 

Desde Ledicia aproveitan a ocasión “para desexar un bo ano 2021 a toda a veciñanza”.