A tapa do AG Porcillán foi a gañadora do XIII Ribadeo de Tapeo. Os outros premiados son Texturas Galegas, El Oviedo e Parador de Turismo. Houbo mención especial para Marinero.

O xurado profesional composto por Yayo Daporta, Gonzalo Pañeda, Marcos Santamaría e Nicolás Asensio fallou que a tapa gañadora do XIII Ribadeo de Tapeo fose a de AG Porcillán, o 2º premio foi para Texturas Galegas e o 3º para El Oviedo. O premio Tapa de Ribadeo foi para Parador de Turismo e recibiu unha mención especial o restaurante Marinero. O xurado asegurou que a decisión foi difícil e que o concurso estivo moi reñido. Pola súa banda, a concelleira de Turismo e Comercio, Ana Martínez, subliñou que arredor dr 45.000 tapas foron vendidas nos 44 locais participantes desde o 11 ao 20 de maio. 

Dos 21 inscritos para participar nesta sección oficial do concurso finalmente os que presentaron as súas tapas a concurso foron 15: La Villa, Texturas Galegas, A Tapería, La Solana, O Piano, Parador de Ribadeo, El Oviedo, A Mirandilla, Marinero, Bar Galicia, Fumarel, Dolce Cattedrale, Cayococo, Amodiño e AG Porcillán. Moitos dos cociñeiros e propietarios destes locais coñeceron en directo o veredicto do xurado e ao final do acto inmortalizaron o momento nunha foto.

O concurso celebrouse no hotel restaurante Voar, de Ribadeo. E o xurado estivo composto por por Gonzalo Pañeda, un dos grandes da cociña asturiana e responsable dun dos mellores restaurantes de Xixón, Agua, que conta cunha estrela Michelín e é recoñecido con dous soles da Guía Repsol; por Yayo Daporta, membro do Grupo Nove, chef do seu restaurante Yayo Daporta que leva xunto á súa irmá Esther Daporta, conta cunha estrela Michelín e dous soles da Guía Repsol, en 2014 presentou xunto a Susi Díaz e Alberto Chicote o programa de televisión Top Chef; e completan este xurado Marcos Santamaría, profesor de hostalaría no IES de Foz; e Nicolás Asensio, director do IES de Foz. 

Desculpou a súa ausencia por motivos de saúde a cociñeira Lucía Freitas, membro do Grupo Nove, seleccionada no 2016 como a segunda mellor cociñeira do ano en Alimentaria, arestora é a chef do restaurante A Tafona en Santiago de Compostela.
Na súa intervención Ana Martínez dixo: “grazas a todos os que participastes porque sen vos realmente non hai Ribadeo de Tapeo. Foron un total de 44 establecementos os que estiveron dentro do concurso. Iso deu lugar a que durante os dez días do Ribadeo de Tapeo se servisen preto de 45.000 tapas. Creo que é un número bastante importante, moi considerable, e iso supón que o Ribadeo de Tapeo está consolidado e ademais que a xente se achega a Ribadeo para vir degustar o voso traballo. Creo que os números e o traballo son un éxito. Os premios ao fin e ao cabo son o recoñecemento do traballo para todos e para todas pois tedes ese recoñecemento especial por parte do xurado que está hoxe aquí e desde logo tamén desde o Concello de Ribadeo”.

A concelleira de Desenvolvemento Local, Turismo e Comercio tamén tivo palabras de agradecemento para o xurado profesional: “quero darlle as grazas ao xurado profesional que nos acompaña hoxe, pois fixeron un esforzo importante por estar aquí: Yayo Daporta, que é o chef do restaurante Yayo Daporta, que vén desde Cambados e ten unha estrela Michelín e dous soles da Guía Repsol; temos tamén, neste caso do lado asturiano porque aquí xogamos ás dúas bandas, estamos no centro e co corazón dividido, a Gonzalo Pañeda, que é o chef do restaurante Agua, de Gijón, tamén estrela Michelín e dous soles Repsol; moi importante na hostalería é contar coa formación e por iso temos hoxe aquí a profesionais da Escola de Hostalería do IES de Foz, como son Marcos Santamaría, que é profesor de Servizos, e ao director do IES, Nicolás Asensio. Falta hoxe neste xurado Lucía Freitas, que esta mañá chamou para que a desculpáramos porque por unha cuestión de saúde non podía estar aquí”.

E o cociñeiro Yayo Daporta explicou que “hubo unas cuantas tapas que estuvieron a un nivel muy parejo y al final son pequeños detalles los que determinan cual es el ganador. Pero en general el nivel de la participación creo que fue muy bueno y queremos animaros a todos para que el próximo año sigáis así y en vez de 45.000 sean 70.000 o 80.000 las tapas vendidas”.

Pendente queda de coñecerse a valoración do público que elixirá a mellor barra e tamén a mellor tapa. Xa o 2 de xuño, nun acto que terá lugar no Teatro, será a entrega de premios.