Teatro infantil, actuacións humorísticas e actividades do Entroido conforman a programación cultural do Concello de Burela para febreiro.

A Concellería de Cultura ven de presentar a súa programación para este mes de febreiro que ofrecerá teatro infantil, monólogos e actuacións humorísticas para rematar co desfile de Entroido.

O vindeiro sábado, 5 de febreiro, ás 18:00 horas na Casa da Cultura, actuará Kátarsis Educación e Teatro que presentará o espectáculo infantil Pa cama. Esta actuación está dirixida a nenos e nenas de 1 a 5 anos. O prezo da entrada é de 2´5 euros.

O 11 de febreiro ás 21:00 horas na Casa da Cultura Isabel Risco presentará o seu monólogo Bravas. É un espectáculo dirixido por Fran Rei no que recolle historias de mulleres galegas coñecidas e anónimas. O prezo da entrada é de 3 euros.

O 18 de febreiro ás 21:00 horas na Casa da Cultura terá lugar a preestrea da curtametraxe Devoradora de Nenos. A reserva de entradas pódese facer a través de http://epaudiovisual.net/preestreno-burelas-18-02-2022/. A cinta, que aborda o tema do acoso escolar, conta con actores como Sergio Pazos, Santi Prego, Xaquín Domínguez ou Chus Álvarez, ademais do mariñán Martiño Vázquez.  

O día 20 de febreiro ás 20:00 horas tamén na Casa da Cultura representarase 8 Apelidos Andaluces. A obra está interpretada por Abraham Martín, Txapela Cádiz, Quique de la Fuente e Jesús Piña. As entradas están á venda en woutick.es.  

A programación cultural do Concello de Burela rematará este mes de febreiro o día 27 co desfile de Entroido e co concurso de disfraces.