Todo está listo no Vicedo para a celebración da II Romaxe Viquinga, que terá lugar os días 28 e 29 de xullo. O pregoeiro será o xornalista Ernesto Sánchez Pombo.

O programa comezará o venres coa lectura do pregón a cargo do xornalista Ernesto Sánchez Pombo, ás 19:30 horas na Casa da Cultura. Ás 19:45 horas tamén na Casa da Cultura, terá lugar a charla que ofrecerá o arqueólogo Iñaki Sagredo baixo o titulo Resultados da investigación arqueolóxica e histórica en Os Moutillós, lugar situado sobre a praia de San Román. Tamén ese día empezará a ruta das tapas polos locais do Vicedo.

O sábado, 29 de xullo, é o día principal e ás 12:30 horas terá lugar o desembarco viquingo na praia de Area Grande en San Román, e posteriormente a recreación da batalla. Ás 12:45 horas comezará o espectáculo matinal con Queiman e Pousa para escenificar a loita entre viquingos e veciños de O Vicedo. A partir das 17:00 horas haberá obradoiros para todas as idades. A xornada rematará co espectáculo de Milson´s ás 22:30 horas na entrada principal da praia.

O sábado haberá un servizo de autobuses para chegar ata a praia de San Román desde O Barqueiro, O Vicedo, Folgueiro e Viveiro. O prezo é de 1 euro por traxecto. Nesta edición tamén haberá dúas zonas de mercado viquingo con postos de artesanía, comida e bebida.