Todo está preparado en Foz para a celebración da IX Festa Normanda que terá lugar do 29 de agosto ao 1 de setembro.

A Asociación Desembarco Normando organiza a IX Festa Normanda de recuperación da memoria histórica, que se celebrará en Foz os días 29, 30 e 31 de agosto e 1 de setembro.

O xoves, 29 de agosto, ás 20:00 horas, procederase á apertura do mercado e haberá animación musical a cargo do Feitizo.

O venres, 30 de agosto, ás 12:00 horas será a apertura do mercado e a inauguración da Festa e Campamento Normando, sito no Paseo da Ribeira. Durante toda a xornada haberá actividades de animación e recreación histórica. Ás 21:00 horas celebrarase o pregón que correrá a cargo de Belinda Washington, na área recreativa do Bispo Santo. Despois terá lugar a representación teatral da lenda de San Gonzalo por parte das veciñas e veciños de San Martiño, dirixidos por José Peinó. Haberá servizo gratuíto de autobuses ata a área recreativa do Bispo Santo, que sairán do porto ás 19:30 horas, con parada tamén na estación de autobuses. Ás 23:00 horas será o pasarrúas normando con exhibición de combates, no mercado e no recinto normando. Ás 00:30 horas actuará o grupo Festicultores e despois o DJ Cosme e Manu Balsa.

O sábado, 31 de agosto, ás 11:00 horas será a apertura do mercado e comezarán as actividades nos campamentos. Ás 13:30 horas terá lugar a formación das tropas normandas con combates. Tamén ás 13:30 horas ofrecerá un concerto UPSALA na praia de Tupide. Ás 14:00 horas haberá unha gran representación do ataque normando coa milagre de San Gonzalo na praia de Tupide. De 16:30 a 20:30 horas poderán verse demostracións de forxa na zona dos campamentos. Ás 17:30 haberá contacontos na praza Conde de Fontao. Entre as 17:00 e as 20:00 horas, no campamento normando poderase participar en talla de madeira, teares, fabricación de cota de malla, obradoiro de costura, obradoiro demostrativo de esgrima histórica e tiro con arco, entre outras actividades. Ás 18:00 horas haberá xogos populares na praza Conde de Fontao e ás 19:30 horas xogos infantís nos xardíns da praza Conde de Fontao. Ás 19:30 horas terán lugar exhibicións de combates na zona portuaria e ás 23:15 horas será a saída do funeral normando. Ás 23:30 horas na praia de Tupide ofrecerá un concerto UPSALA, e ás 00:00 horas tamén na praia de Tupide haberá espectáculo de malabares con lume.

E o domingo 1 de setembro, ás 11:00 horas, iniciarase unha nova xornada de mercado e de actividades nos campamentos. De 12:30 a 13:00 horas, no campamento haberá liga de combate normando. Ás 17:30 horas, será o desembarco infantil no campamento e despois xogos dentro do recinto. Finalmente ás 20:30 horas procederase á entrega de premios dos diferentes xogos.