A VI Feira de Gando de Cangas de Foz, que se celebrará o 19 de agosto, ofrecerá paseos gratuítos a cabalo, entre outras actividades.

O Concello de Foz organiza a sexta edición da Feira de Gando de Cangas, que se celebrará o este domingo, 19 de agosto, e foi presentada hoxe. Neste evento haberá diferentes actividades, desde as 10:00 horas, como paseos gratuítos a cabalo, exposicións de maquinaria e artesanía, e premios aos gandeiros con maior número de cabezas de gando vacún e cabalar, entre outros actos.

O primeiro tenente de alcalde e concelleiro de Medio Rural en Foz, Pedro Fernández Manín, anunciou hoxe: “vimos de presentar a Feira de Gando de Cangas, que organiza o Concello de Foz, a través da Concellería de Medio Rural, en colaboración coa asociación de Cabaleiros de Cangas, composta dun grupo de oito rapaces e rapazas amantes dos cabalos e alma máter desta feira que terá lugar o vindeiro domingo 19”.

Fernández Manín subliñou que “desde o Concello queremos destacar que na parroquia de Cangas, segundo nos informan os veciños de máis idade, anteriormente ao ano 1940 xa se viña celebrando unha feira trimestral de gando no barrio da Gralleira, que é un sitio diferente a onde a instalamos agora. O lugar de celebración desta feira é ao lado da área recreativa dos Castros, propiedade da comunidade de montes en man común Real, Rañadoiro e Agudo, da parroquia de Cangas; a asociación de veciños San Pedro de Cangas e a sociedade deportiva Os Castros, que colaboran coa asociación de cabaleiros nesta organización”.

O edil de Medio Rural explicou que “no recinto feiral instalarase unha carpa, na que se poderá degustar polbo á feira, xamón cocido e churrasco, entre outras cousas. Como todas as feiras é normal que teñan os seus premios e haberá premios para os gandeiros con maior número de cabezas de gando vacún e cabalar, aos mellores cabalos, eguas e exemplares de vacún, para o cabaleiro e amazona máis novo e para o cabaleiro de máis idade, e para os animais peculiares. Ademais haberá as carreiras de cabalos de andadura chapeada, andadura serrada, trote de trotóns e carreira de burros. Nestas carreiras repartiranse premios por un total de 1.000 euros”. 

O concelleiro convida a “todos os amigos do gando a que nos acompañen este domingo na Feira de Gando de Cangas, que todos os anos vai a máis e esperamos superar o que houbo o ano pasado. Quero dar moitas grazas e felicidades a esta asociación de cabaleiros, que traballa todo o ano para poder apoiar esta feira”.