Viveiro acolle as xornadas Vivemar do 13 ao 19 de novembro

As xornadas de divulgación do coñecemento da cultura marítima na comunidade educativa de Viveiro, denominadas Vivemar, desenvolveranse do 13 ao 19 de novembro nos colexios do municipio: Cep Lois Tobío, Ceip Covas, Ceip Celeiro, Ceip Plurilingüe Santa Rita de Galdo, CPR Landro. Están coordinadas por Lucas Requeixo, de Vivemar, e patrocinadas pola Consellería do Mar.

O programa de actividades empezará o luns 13 ás 20:30 horas coa inauguración da exposición “O mar en Xosé Conde Corbal” na Sala Multiusos do Concello de Viveiro. O martes 14 ás 20:30 horas proxectarase o documental "A Construción da Dorna Irmandiña", tamén na Sala Multiusos do Concello de Viveiro, onde o mércores 15 ás 20:30 horas poderá verse o documental "As bateas e o mexillón" e o xoves 16 ás 20:30 horas haberá a charla e proxección “A obra mariñeira de Xosé Conde Corbal”, con Antón Mascato.

O venres 17 na Sala de Exposicións da Biblioteca de Viveiro ás 19:00 horas terá lugar a charla “A conservación da pesca, do pasado ao futuro”, con Carlos Nuevo Cal, que é o cronista oficial de Viveiro. E ás 20:30 horas haberá a charla “As salgadeiras e conserveiras”, a cargo de Xosé María Leal Bóveda. 

Para o sábado 18 ás 11:00 horas na Sala Multiusos do Concello de Viveiro desenvolverase o evento “Vivemar: Declaración de intencións. Presentación de proxectos: Escola de navegación, Inventario de Patrimonio. Participación de asociacións e colectivos. Novas iniciativas”, con Lucas Requeixo e Antón Mascato. Ás 12:00 horas presentarase a publicación “Nova Ardentía”, con Emilio Ínsua, Antón Niñe e o Capitán Pino. Ás 12:30 horas haberá unha conversa con Francisco Fra arredor do estaleiro de San Cibrao, con Emilio Ínsua e Antón Mascato. E ás 18:30 horas terá lugar un encontro de colectivos e persoas interesadas na problemática do plástico nos ríos e no mar.

E o domingo 19 ás 11:00 horas levarase a cabo unha limpeza voluntaria e colectiva de lixo na Ría de Viveiro, coordinada por Prato_DO. O lugar de encontro é o Monumento das Minas da Silvarosa, na Misericordia. E ás 12:30 horas terá lugar o evento "Historia ou historias que viñeron pola mar. Roteiro guiado polo Viveiro vello", con Suso Martínez, guía de turismo e historiador. Será desde a Praza Maior.