Viveiro acollerá o 12 de setembro a IV Xuntanza de Coches e Motos Clásicas

O Concello de Viveiro acolleu a presentación oficial da IV Xuntanza de Coches e Motos Clásicas Viveiro, un evento organizado polo Club Coches Clásicos Viveiro en colaboración co Concello que se celebrará o sábado 12 de setembro.

“A cita xa conta a día de hoxe con máis de 60 vehículos inscritos confirmados, consolidándose como unha cita de referencia para os amantes do motor e do coleccionismo”, anuncia a Concello de Viveiro, que engade: “a xornada dará comezo ás 10:00 horas coa recepción de participantes e formalización de inscricións no aparcamento dos Castelos, en Covas. Ás 12:00 horas iniciará a habitual ruta turística pola contorna, que incluirá unha parada para degustar uns pinchos e gozar da sesión vermú. A programación pecharase ás 15:00 horas cun xantar confraternidade”.

A alcaldesa de Viveiro, Mariña Gueimunde, destacou durante o acto a importancia de apoiar estas iniciativas: “a Xuntanza de Coches e Motos Clásicas xa é unha cita obrigada, unha data moi agardada que, cada ano, atrae a numerosos visitantes e apaixonados do motor de todo o territorio. Desde o Concello é un pracer colaborar con persoas que traballan para ofrecer alternativas de ocio de calidade en Viveiro."

O prazo límite para apuntarse remata o martes 8 de setembro. Os prezos da inscrición son de 35 euros para os adultos, 20 euros para nenos e nenas de 6 a 12 anos, e gratuíto para os menores de 0 a 6 anos. Coa inscrición cada participante recibirá un sombreiro de agasallo e diversas sorpresas.

Dado que as prazas para a comida son limitadas, as persoa interesadas deben formalizar a súa reserva chamando aos teléfonos de organización: 650.652.073 (David) ou 699.249.738 (Sandra).